Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O selo que Rei Zentolo deseñou para a candidatura de Salustiano Mato FOTO: AXENCIAS |
Belén Esteban irrompe na campaña polo reitorado da UVigo. Emulando a frase máis famosa da máis famosa friki nacional, a empresa pontevedrasa Rei Zentolo -coñecida polos seus deseños de camisetas reinterpretativas da cultura popular galega- deseñou a web do candidato de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato "Euxtanomato", un espazo para comunicarse fundamentalmente cos estudantes a través de vídeos e unha alta dose de humor.
O elemento principal da campaña é a páxina web www.euxtanomato.com, que ao estilo dun clube de fans virtual, irá recollendo os testemuños de ficticios admiradores do candidato. Serán en total cinco vídeos, que se irán colgando ao longo da campaña. O primeiro xa se pode ver: é o testemuño dunha amante ficticia de Tano Mato que asegura que o candidato, alá onde vai, deixa satisfeito a todo o mundo.
As reaccións foron inmediatas e opostas, segundo os comentarios na web. Para uns é "divertido e con gran sentido de humor", outros táchano de "denigrante para as mulleres e para a universidade".
As pezas audiovisuais foron realizadas por estudantes da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo.
Tamén o seu opoñente, Jaime Cabeza, se valeu dos medios audiovisuais para dirixirse á comunidade universitaria que o vindeiro 20 de maio elixirá o substituto de Alberto Gago.
O candidato de Nova Universidade escolle a linguaxe sms para lanzar o seu eslogan: +KBZA, que encabeza o seu blog. Amais, sintetiza a súa mensaxe nun spot, que, segundo o seu creador, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Moncho Varela, "aposta pola proximidade, a sinxeleza e a claridade" para transmitir a idea de "cambio tranquilo e en positivo". En 60 segundos o vídeo tece unha pequena historia da que é protagonista a comunidade universitaria e na que a partir da mensaxe O cambio necesario, incídese nos conceptos de benestar, medio ambiente, investigación, confianza, persoas e compromiso. Na súa rodaxe participaron docentes e alumnado, cunha implicación especial da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.
E os dous candidatos recorren a outros medios propagandísticos máis tradicionais, como as camisetas, as chapas e os adhesivos.
Bolsas e emprego para os mozos
Bolsas, emprego, mobilidade e lingua centraron o debate dos candidatos a reitor organizado polos Comités e destinado ao alumnado. O candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, fixo unha firme defensa dunha Universidade "máis pública e democrática", capaz de apoiar o alumnado con maiores dificultades económicas, comprometida co idioma galego, na que se loite por "recuperar para o campus servizos e espazos que foron cedidos a empresas privadas".
Salustiano Mato manifestou a súa "aposta absoluta, total e decidida polo emprego", ao tempo que salientou a necesidade de prestixiar diante deste colectivo todas as actividades de asociacionismo, debate e voluntariado. Políticas de mobilidade, de igualdade e de Extensión Universitaria completan os principais eixes do seu programa.
