Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

comicios

Xornada de reflexión

04.05.2010  A USC chama 33.565 alumnos, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos a elixir novo reitor entre os sete candidatos que se presentan

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M.J. CEBRO . SANTIAGO

Hoxe é xornada de reflexión na Universidade de Santiago de Compostela, que mañá convoca un total de 33.565 persoas a votar para elixir novo reitor ou reitora e os representantes no Claustro Universitario e nos Consellos de Departamento.

A estas eleccións concorren un total de sete candidatos á Reitoría, tres mulleres e catro homes: Pilar Bermejo Barrera, Mercedes Brea López, Juan Casares Long, Lourenzo Fernández Prieto, Jaime Gómez Márquez, Laura Sánchez Piñón e Juan Varela Durán.

O voto deberá depositarse entre as 10:30 e as 18:30 horas, nas 59 mesas distribuídas nos centros dos Campus de Santiago e Lugo así como no Colexio de San Xerome e no Edificio Intercentros.

O total do censo repártese entre 1.349 do sector de profesorado funcionario doutor, que representa o 51 % do voto ponderado para a elección de reitor ou reitora; o resto do PDI (o 14 % do voto ponderado) distribúese entre funcionario non doutor (84 persoas), contratado doutor, colaborador ou axudante doutor e axudantes (294) e outro PDI (795); o terceiro sector, de investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, o 3 % do voto ponderado, conta con 1.257 investigadores en formación e 1.867 estudantes de terceiro ciclo e posgrao; os estudantes de primeiro e segundo ciclo, 26.516, co 24% do voto ponderado e, finalmente, o persoal de administración e servizos, con 1.403 censados, que tería o 8 % do voto ponderado.

Logo da votación este mércores, 5 de maio, a proclamación provisional ou, de ser o caso, dos candidatos que concorran á segunda volta coñecerase dous días máis tarde. De ser necesaria esta segunda volta a prolongación da campaña electoral será do 19 ao 22 de maio, coa votación o 24 de maio. A proclamación definitiva sería o 4 de xuño.

 

Consellos de departamento por e-voto

A USC está a ser unha das primeiras universidades do Estado que implanta o voto electrónico. Nesta experiencia piloto, que só se aplica á elección de representantes nos Consellos de Departamento, participan quince departamentos.

Dáse por segura unha segunda volta con só dous

Os candidatos coincidiron en que, con sete candidaturas, o novo reitor decidirase na segunda volta e todos aspiran a quedar entre os dous proxectos máis votados para poder ter opcións o 24 de maio. Só Bermejo e Varela amosaron a súa disposición a pactar para sumar votos de cara á segunda volta. Mercedes Brea dixo telo moi claro: "Se non gaño deixareilles o camiño ós outros, teño moitas outras cousas que facer" e confía en que mañá "se clarifique a cousa e nos permita decicir entre as dúas mellores candidaturas. Gómez Márquez, pola súa parte, evaporaríase "a ser posible en gas nobre", di con chanza. Casares Long confía en estar "entre os dous candidatos que disputen o Reitorado o día 24", o mesmo ca Sánchez Piñón, e Bermejo mostrouse convencida de que "por suposto" gañará na primeira volta.

 

OS CANDIDATOS

Mercedes Brea: "Austeridade"

Malia presentarse como independente, Mercedes Brea recibiu o apoio explícito da PUP, a plataforma de profesorado que apoia ó actual equipo reitoral de Senén Barro. A catedrática de Filoloxía Románica acusa os seus adversarios de "falta de realismo e austeridade, xa que presentan equipos de goberno demasiado grandes que non son de recibo en tempos de crise", critica . O dela fórmano os profesores Luis Miguel Botana, Manuel Castro Cotón, Angelines Criz, María Isabel Fraga Vila, Ana María González Bustelo José Luis Labandeira García e mais Manuel Ladra González.

Sánchez Piñón: "Proxectos reais"

Laura Sánchez Piñón resalta que a súa candidatura supón o compromiso "coas persoas da comunidade universitaria e coa sociedade en xeral". A catedrática de Xenética presenta "propostas moi concretas encadradas nun modelo de universidade que busca a calidade e a relevancia social, avaliadas economicamente e realizables dentro do marco orzamentario actual". A ex conselleira de Educación presenta un equipo paritario: Javier Sardina, Lourdes Montero, José Raúl Canay, María Teresa Moreira, Ana Chouciño, Francisco Fraga, Isabel Quiroga e Ulises Diéguez .

Casares quere o voto dos docentes

Juan Casares Long compite con Barro por segunda vez. Hai catro anos empatou grazas ós alumnos e agora espera ter máis apoio do profesorado."Espero que os alumnos me traten co mesmo agarimo e os pro­fesores, cun chisco máis", responde. O seu equipo de goberno estaría formado por Lour­des Noya, Francisco Gon­zález, Eva Castro Caridade, Francisco R. Durán, Javier Garbayo, Mª Isabel Gonzá­lez, Mercedes Pintos, Pedro Gcía., Sara Cantorna, Car­men Fdez. Morante, Benita Silva, Pablo Ramil e Ma­nuel Macía. "É o mellor equipo", di o catedrático de enxeñería química.

Varela: "Campus vida, a bandeira"

Juan Varela Durán foi o último en anunciar a súa candidatura, só un día antes do prazo. O catedrático de Anatomía Patolóxica, que recibiu o apoio explícito da plataforma de profesorado Converxencia Universitaria, reitera que el é "o único que non fai leña da árbore caída" e proclama que fará "bandeira"de Campus Vida, un proxecto de excelencia que, coma o resto de reitorables, quere trasladar ás outras áreas de coñecemento da USC. Varela pensa que co 1% do PIB abondaría. O seu equipo estaría formado polos profesores Julio Iglesias, Nélida Porto, Sergio Portas, Miguel Bastos e Isabel Santos.

"Oportunidade histórica", di Prieto

Lourenzo Fernández Prieto quere gobernar "pola vía do que nos une e non do que nos separa". O catedrático de Historia contemporánea comina a participar. "É unha oportunidade histó­rica para construír entre todos a universi­dade que nos gusta, na que queremos estudar, ensinar e investigar" sustentada nos piares da "unidade, universidade pública, cali­dade e compromiso co país e coa xente da Universi­dade". O seu equipo: Manuel Fdez. Grela, Socorro Rdguez. Holguín, Teresa Rdguez. López, Pablo Anxo Meira, Álvaro Gil, Elías Torres e Mar Pérez Fra.

Pilar Bermejo: "A docencia, a cerna"

A catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo coida que "a universidade precisa un cambio radical nas formas de goberno"e en devolverlle á docencia o papel central, tras anos de centrarse nas infraestruturas de investigación. Crítica con Campus Vida, "porque se fixo á marxe da comunidade universitaria", ó seu ver, a USC perdeu posición nos últimos anos e reclama o 2% do PIB para a universidade. O seu equipo: María Luisa del Río Araújo, Pablo Taboada Antelo, José Luis Relova Quinteiro, Ramón Fábregas Valcarce e Miguel Ángel Vilar Rivas.

Gómez Márquez: "Non á elitocracia"

Jaime Gómez Márquez preséntase cun proxecto "ilusionante" e "verdadeiramente independente". A "sinceridade" e vontade de xestión compartida, máis alá da "elitocracia actual" son, ó seu ver, puntos que o diferencian dos demais. O catedrático de Bioloxía Molecular recalca que asumirá o bo do actual equipo e mellorará o que se poida. O seu equipo: a decana de Veterinaria, Ana Bravo; e o ex decano de Ciencias da Educación, Felipe Trillo; Xosé Antonio Rdguez., Mº Luz Glez. (vicedecana de Bioloxía), Antonio Mtnez., Margarita Estévez Saá e Marta Requejo.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS