Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

universidade

"A Xunta fulminará o I+D"

As prazas para investigadores de base redúcense un 93,5% e, sen eles, "Galiza carecerá de innovación, motor do desenvolvemento" ·· O plan Incite do bipartito remata "sen alternativas"

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 14.12.2010 
A- A+

AXENCIAS

FOTO: AXENCIAS

"Quince cravos no ataúde da I+D+i en Galiza" é o único que, segundo os investigadores das universidades galegas, simbolicamente deixa o actual Goberno da Xunta. De 586 prazas ofertadas no 2008, pasarase o ano que vén a quince. A consecuencia? "Non haberá innovación na comunidade, dado que a industria do país a exerce nunha porcentaxe ínfima".

Antonio Rodríguez Castro, químico e presidente da asociación Parga Pondal, apela ao sentido da responsabilidade cidadá a denunciar esta situación mediante unha concentración convocada polo seu grupo xunto a Precarios e á Federación de Mozos Investigadores que terá lugar mañá ás 12.00 horas detrás da Xunta. Ao seu entender, "unha sociedade sen innovación, sen investigación para o desenvolvemento, carece de sistemas para avanzar. Esta destrución faise no nome do aforro ao tempo que se destinan cartos para unha visita papal e se decide manter o plus de altos cargos". "Esta é a política da austeridade da Xunta?", pregúntase.

 

A fin do "digno" Plan Incite do bipartito

No período 2006-2010, a investigación galega experimentou un importante empuxe grazas ao Plan Incite, un programa de recursos humanos pioneiro en todo o estado Español, definido polo bipartito. O modelo sentaba as bases para unha carreira investigadora que Precarios cualifica como "digna e ben estruturada", na que, cumprindo uns obxectivos de excelencia marcados a priori, os investigadores podían acadar a estabilización laboral nun período de tempo razoábel. O actual Goberno da Xunta, tras ano e medio no poder, "decidiu non darlle continuidade a este plan". A día de hoxe, cando faltan menos de vinte días para que toque a súa fin, segue sen propoñer unha alternativa "e ademais de deixar na rúa os investigadores, vanse perder moitísimos cartos, porque os proxectos financiados con cartos públicos se truncarán". As investigacións levadas a cabo nos centros públicos de investigación de Galiza dependen plenamente do plan de recursos humanos que o Goberno galego non convocou, polo que, ao entender destes traballadores, o sistema investigador galego corre un enorme risco de desfacer os obxectivos acadados nos últimos anos e perder o tren da converxencia coas outras comunidades autónomas e cos outros países da UE.

A última convocatoria xestionada polo Goberno bipartito (2008) ofertou 586 prazas para estudantes de mestrado/DEA, investigadores predoutorais e posdoutorais e tecnólogos. Este ano, o Goberno da Xunta ten previsto sacar unha convocatoria de quince prazas só para investigadores posdoutorais con máis de dous anos de estadías no estranxeiro -programa Isidro Parga Pondal- que, a diferenza de anos anteriores, non ten garantías de estabilización nin seguridade de prórrogas (e de cinco anos pasa a ser de soamente tres). Xa o ano pasado, Precarios denunciaba que o Goberno do PP reducira en máis da metade o número de prazas para investigadores noveis e técnicos, cifra que agora se reduce nun 93,5%, ao ofertar só 15 postos de traballo: "15 cravos no ataúde da I+D+i en Galiza".

Asegura Antonio Rodríguez que a Xunta cortou a comunicación con eles: "Desde o mes de abril, que nos reunimos co conselleiro de Educación, cando se nos asegurou que nos convocarían para unha reunión a finais de maio aínda estamos a agardar". Asegura que intentaron en reiteradas ocasións falar coa Consellería, pero "foi imposíbel". Antes disto, nun encontro co director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, "díxonos que el non ten clara a diferenza entre investigación e innovación, malia ter dirixido Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- antes de exercer o seu cargo actual". Ademais, segundo o presidente da asociación Parga Pondal, Capilla considera que quen debe innovar é a industria "pero para que iso aconteza alguén ten que facer investigación básica, sen ela é imposíbel, e a industria galega ten moi pouca tendencia á investigación". Tampouco fraguou demasiado en Galiza a colaboración impulsada polo Espazo Europeo de Educación Superior entre as universidades e a empresa, con algunhas excepcións. "A innovación require sempre dunha investigación previa". O exemplo? "Eu falo sempre do éxito da investigación galega no fármaco Yondelis -o tratamento para o cancro de Pharmamar, filial de Zeltia-, pero para chegar a logralo precisáronse moitos anos de investigación previa, desde a descuberta do composto, a súa preparación sintética, os ensaios clínicos... até que foi aprobado pasou moito tempo de investigación que agora se pretende eliminar, perder".

E conclúe: "Actualmente, só as universidades fan a investigación básica en Galiza, se isto remata, remata o I+D".

Educación pasa a ser a responsábel

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria será a partir do día un de xaneiro a encargada de xestionar as bolsas e os contratos dos investigadores galegos. Coincidindo coa elaboración do novo plan de I+D, a Consellería de Economía e Industria decidiu transferir ao departamento educativo a organización da vida laboral dos científicos da comunidade, vinculados na súa maioría ás universidades. En decembro expira o Plan Incite, o que até agora permitiu a contratación e a concesión de bolsas no campo da investigación. A Xunta aseguraba o mes pasado que haberá un novo plan que garantirá a continuidade dos máis de 3.000 galegos que se dedican a investigar na actualidade.

O 90% descoñece os seus dereitos de propiedade intelectual e industrial

Nove de cada dez investigadores do Estado español descoñecen os seus dereitos de Propiedade Intelectual e Industrial, segundo datos da enquisa do último Encontro de Grupos Investigación. Segundo a Mellor Inventora do Mundo en 2009, a doutora Celia Sánchez-Ramos, "os descubrimentos ou inventos tamén deben ser unha ferramenta de ingresos da universidade española e europea" e que isto será "inviábel" até que os investigadores non coñezan os seus dereitos. Así mesmo, o estudo mostra que o 68,2 por cento dos enquisados considera que este descoñecemento se debe á escaseza ou dificultade de acceso á información e á necesidade de programas de formación, á vez que revela que o 80 por cento considera que non existen suficientes ferramentas para promover o salto da investigación básica á aplicada. A enquisa foi realizada no marco do IV Atopo Grupos de Investigación, promovido pola doutora Sánchez-Ramos.

PRECARIOS

"Quen traballará nos equipos destes eminentes científicos? Ninguén"

O colectivo de investigadores Precarios xa o alertaba hai un mes. "A dirección xeral de I+D+i sacou a concurso durante as últimas semanas as prórrogas das axudas ao persoal investigador concedidas en anos anteriores (contratos de seis meses de duración) e anunciou a creación do plan "Talentgalia" para a captación de científicos de elite. Quen traballará nos equipos destes eminentes científicos? Ninguén".

Para Precarios, a Xunta "segue a xogar a despistar a opinión pública" e non convocou as axudas de nova adxudicación para contratos predoutorais -programa "María Barbeito"-, posdoutorais -programas "Ángeles Alvariño" e "Isidro Parga Pondal"-, nin as axudas para a contratación de tecnólogos -programas "Isabel Barreto" e "Lucas Labrada". "Estas axudas son o verdadeiro motor do sistema galego de I+D+i. A ausencia da convocatoria de 2010 suporá unha catástrofe para os centros de investigación da nosa comunidade xa que repercutirá moi negativamente nas investigacións que se levan a cabo neles".

Pte. da Asociación Parga Pondal

"Alguén ten que facer investigación básica en Galiza, sen ela é imposíbel innovar, e a industria galega ten moi pouca tendencia á investigación"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS