Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

21-D: Fracaso do 155

JOAQUIM VENTURA  | 22.12.2017 
A- A+

As eleccións de onte non resolveron o lío que domina a política catalá de hai tempo. Por se non fose suficiente, houbo uns resultados que igualan á baixa e negan calquera posible hexemonía. As enquisas non souberon ver o potencial emocional da candidatura encabezada por Carles Puigdemont, o verdadeiro vencedor moral do 21-D.

Calquera lector deste recuncho podería botarme en cara que os meus augurios foron falidos. Non lle tiraría razón pero non teño por costume facer predicións senón sinalar tendencias. E o certo é –e nese senso penso que intuín os vectores- que ERC estaba en condicións de propoñer un espazo transversal (co PSC e os Comúns) que permitise saír do labirinto e deixar de lado o postpujolismo que representaron Artur Mas e o PDeCat. Unha oportunidade perdida.

Pero Puigdemont é un espírito libre e non actúa coa lóxica das elites barcelonesas. O presidente cesado procede dunha zona interior da provincia de Xirona, na comarca da Selva, que en tempos foi de forte influencia carlista. Alerta, daquel carlismo que malia as súas formas brutais (personificadas no coronel Savalls) representaba unha resistencia fronte ao autoritarismo dos liberais que impuñan provincias e constitucións. E como aqueles carlistas, a obediencia á lei imposta non está nas súas coordenadas.

E fronte á proposta de Puigdemont, o tacticismo de ERC para retiralo ficou en evidencia e non foi do agrado de moitos electores. Un aumento, o da candidatura de Junts per Catalunya, que se produciu durante a campaña, á maneira dun suflé que colle volume malia non ter masa consistente. E de paso, esta candidatura ven de supoñer unha nova mutación no ámbito catalanista moderado: podemos dar por amortizado o PDeCat.

O futuro deste novo referente político pode presentarse como máis líquido, moi lonxe daquel partido á búlgara que era CDC. Pero con eles hai persoeiros procedentes de ámbitos de esquerda que situaron o catalanismo reformador por diante. O certo é que calquera posibilidade de acordo entre JxCat e ERC estará sometida ao ritmo imposto por Puigdemont. E, coidado, non o esquezamos, o presidente cesado ten a libretiña de notas chea de aldraxes pasadas, desde as deslealdades padecidas en vida do Govern ata as acusacións de traizón que lle botaron cando quixo convocar novas eleccións antes que o artigo 155 estragase as institucións autonómicas catalás.

Non están moito mellor as cousas no bando constitucionalista. A vitoria de Inés Arrimadas e Ciutadans é incontestable pero ten dúas pedras que terá que aturar. A primeira, xustificar a formidable campaña (en canto a medios) que fixo tendo en conta a ausencia de masa militante (a súa ausencia nos concellos é clamorosa). Cabe esperar que o Tribunal de Contas fiscalice as condicións de cretos concedidos e o seu retorno, que serviron para una campaña á americana. A segunda é que tal vitoria pode resultar pírrica: Cs non ten con quen pactar. Nin sequera facendo auténticos malabarismos coa imaxinación e cos imposibles máis insospeitados.

Unha soidade, esa á hora de pactar, aumentada porque os resultados de Iceta e o PSC foron francamente discretos: perderon por dar apoio ao 155 e quen tirou calquera froito foron outros. Lonxe definitivamente do catalanismo popular, o PSC queda cada vez máis como un apéndice do PSOE, do peor PSOE cabe dicir, o sometido a unha constitución que cada día aparece como máis irreformable. Non por ela mesma senón polos que din defendela.

E se alguén fracasou en toda regra, ese foi o PP. Nin o emprego abusivo do artigo 155 (algún día o Tribunal Constitucional dirá se houbo uso partidista), nin a ofensiva xudicial nin a ocupación policial de Cataluña o 1-O serviron, non digo xa para gañar, pero si polo menos para marcar certa pauta: con 3 deputados de 135, o PP catalán queda convertido en puro po galáctico. Por non ter, nin grupo parlamentario terá e haberá de negociar tempos e espazos coa CUP, que os superou en votos e escanos.

Non resulta doado prognosticar saídas á situación que a partir de hoxe se presenta e unha futura convocatoria electoral non faría senón cronificar máis a doenza. O certo é que o PP de M. Rajoy, malia os instrumentos legais que dispón, terá que afrouxar o pedal e darse por desaparecido –probablemente para sempre- de Cataluña. E iso suporá abrir negociacións –do tipo que sexa- cos verdadeiros vencedores, comezando por aceptar restituír a Puigdemont na presidencia da Generalitat.    

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS