Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 20.02.2018 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

21-D: A hora da verdade

JOAQUIM VENTURA  | 20.12.2017 
A- A+

Chegamos ao día fixado polo goberno de M. Rajoy para que os cataláns decidamos nas urnas o futuro parlamento. Unhas semanas, as transcorridas desde que o Senado aprobou a aplicación do artigo 155 da Constitución, que narcotizaron –máis que normalizar- a administración autonómica. Hai unha chea de partidas aprobadas nos orzamentos que non se executaron por desidia, cando non negativa aberta, por parte dos xestores que teledirixen a Generalitat a 650 quilómetros de distancia: desde investigación ou cultura ata medio ambiente.

De calquera xeito, o certo é que malia os espaventos dos partidos independentistas, todos correron para estar presentes nestas eleccións. E o primeiro, Esquerra Republicana. Pola súa banda, para o PDECAT o panorama pintaba francamente mal, máis aínda cando por parte de ERC non había senón hostilidade aberta –malia a viaxe a Bruxelas na ponte da Purísima- a calquera proposta unitaria por mínima que fose.

Quedaba así en evidencia o que eu xa escribira neste recuncho tempo atrás: ERC aproveitara o pulo social a prol da independencia para empurrar á antiga CDC ao abismo. E daquela, a mutación desta en PDECAT -con Artur Mas afastado da política parlamentaria- provocou que aumentase a súa velocidade a piques de alcanzar a temperatura de fusión. Unha inercia que levou a Carles Puigdemont a perder calquera posibilidade de pragmatismo cando desde as súas filas e desde ERC e a CUP comezaron a tratalo de traidor.

Instalado en Bélxica antes de ser citado pola Audiencia Nacional, o presidente cesado soubo facer da necesidade, virtude. Así, despois que Marta Pascal e Artur Mas se reunisen con Puigdemont na capital belga, o presidente cesado fíxolles ver que se ían ás eleccións como partido o resultado podería ser terrible. En troques, se el encabezaba unha “lista de país” ou “do President” –en nome da lexitimade vulnerada polo 155- había posibilidade de salvar algo máis que os mobles. Tal circunstancia supuña marxinar o PDECat do mapa electoral pero, polo menos, restaban algo á inercia de Junqueras, aínda que estivese no cárcere.

No campo dos chamados constitucionalistas, Rajoy e mais o PP forzaron a destitución do Govern a risco –como se está a evidenciar- de deixar campo libre a Ciutadans. Era unha xogada de xadrez, un gambito de alfil (García Albiol), para a cambio soster a presenza da opción marianista no resto de España (co alento do aznarismo na caluga). A división na sociedade catalá pasou daquela a ser máis evidente aínda que quedase disimulada: os do 155 contra os independentistas.

Pero se algo ficou evidente é que o PP xa non é cabalo gañador para certos sectores económicos. Protagonizou unha campaña pobre –malia a continua presenza de Rajoy en Cataluña nestes días- fronte ao despregamento que fixo Ciutadans, circunstancia que leva a sospeitar fortes apoios financeiros a favor do partido laranxa (non esquezamos o apoio verbal por parte de Josep Oliu, o presidente de Banc de Sabadell, a “un Podemos de dereita” pronunciado en 2015). Unha presenza, a de Inés Arrimadas e compañía, que non cadra coa súa nula masa militante (non teñen un só alcalde en Cataluña).

Nos derradeiros días, a pugna entre ERC e Cs para obter o condición de partido máis votado fixo esquecer que a solución ao problema non pasa por repetir a lóxica dos bloques. Nese sentido, e malia os desmentidos continuos, os republicanos están a remarcar as diferencias verbo de Junts per Catalunya (a lista de Puigdemont) non tanto para defender a vía independentista senón xustamente polo contrario malia que non o verbalicen.

Un disimulo que tamén exerceu Miquel Iceta respecto de non pactar cos independentistas pero que desde o momento no que o PSC incorporou a antigos membros de Unió, o seu proxecto persegue restaurar o catalanismo político, diferenciado da tolería independentista e da centralización esmagadora do 155.

O único problema que teñen as forzas políticas catalás que pretenden unha terceira vía –aínda que non falen de tal- é que os números lles permitan articular unha opción catalanista e centrada formada por ERC, PSC e Catalunya en Comú. Con tal alternativa, todos salvarían cadanseu mobiliario e comezaría a ser posible unha futura revisión autonómica no marco dunha certa reforma federal. Pero ata non ter os resultados, todo é pura especulación.  

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS