Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Un 0,4% máis que o ano anterior

O 23% dos galegos atopáronse en risco de pobreza e exclusión social en 2018

CC.OO advirte da "situación dramática" na que se atopan o 18,8% dos fogares galegos que viven "baixo o limiar da pobreza"

SANTIAGO. EP  | 17.10.2019 
A- A+

O 23% da poboación que reside en Galicia atopouse en risco de pobreza e exclusión social en 2018, unha cifra que revela que case un cuarto dos habitantes da Comunidade, máis de 621.000 persoas sufriron estas circunstancias o pasado ano. Unha subida do 0,4% con respecto a 2017, segundo o informe de Estado da Pobreza en España 2019.

O documento foi publicado este mércores pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN), que afirma que o 26,1% por cento dos españois atópase en risco de pobreza e/ou exclusión social, un dato que se traduce en 12.188.288 persoas nesta situación, a cifra máis baixa por cuarto ano consecutivo que se calcula en base ao indicador AROPE.

Con todo, en comparación coa tendencia nacional, este índice mostra un lixeiro ascenso dende 2017 en Galicia. En concreto, o AROPE ten en conta a carencia material severa (en Galicia corresponde ao 1,6% da poboación), a baixa intensidade no emprego (11,1%) e o risco de pobreza.

Respecto deste último factor, Comisións Obreiras (CC.OO) advertiu que o 18,8% dos galegos viven baixo o limiar da pobreza, é dicir, 542.892 persoas contan con menos de 8.871 euros anuais, unha cifra "alarmante" que debuxa unha "situación dramática".

Ademais, o sindicato considera "de especial gravidade" as circunstancias da poboación máis nova, o 21,65% dos menores de 16 anos sofre a pobreza, mentres que a fenda de xénero tamén é palpable neste asunto e afecta máis as mulleres que aos homes, asegura a secretaria de emprego de CC.OO, Maica Bouza.

FIN DE MES
En canto á dificultade dos fogares galegos para chegar a fin de mes, os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) evidencian que o 42,9% mostran "certa facilidade" para afrontar este momento, mentres que o 25,9% ten "certa dificultade", o 16,2% fai fronte con "dificultade" e o 7% con "moita dificultade".

No lado oposto, está o 8,1% dos galegos que superan o mes con "facilidade" e o 2,2% "moita facilidade". Con todo, respecto da capacidade de aforro, o INE sinala que o 45,6% dos fogares de Galicia non pode permitirse irse de vacacións. Unha cifra case sete puntos máis alta que en 2017 e que se sitúa por encima da media española (34,2%).

Con todo, existe unha diferenza "evidente" entre o sur e o norte de España. A metade setentrional do país conserva baixas taxas de pobreza e/ou exclusión social, entre 3 e 14 puntos porcentuais por baixo da media nacional compatibles "cos países europeos máis avanzados".

Pola contra, aquelas situadas ao sur contan con taxas "extraordinariamente elevadas", entre catro e 18 puntos porcentuais
por encima da media nacional, explica o informe.

DIFÍCIL CUMPRIR O COMPROMISO
As taxas máis baixas son do País Vasco e Navarra, co 12,1% e o 12,6% respectivamente, e as máis altas rexístranse en Andalucía (38,2%) e Estremadura (44,6%).

Con este balance, o EAPN asegura que "será moi difícil" cumprir co compromiso de España de reducir entre 1,4 e 1,5 millóns o número de persoas en risco de pobreza e exclusión social en 2020, a pesar de non ser un obxectivo "ambicioso".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS