Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 22.07.2014  | Actualizado 19.48

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

3. Área recreativa de Sucira

M. DE BRAN  | 19.03.2012 
A- A+

Concello: Boqueixón. Parroquia: Santa María de Sucira. Lugar: Sucira. Neste lugar, de nome igual ó da parroquia (que ten outros catro) está a igrexia parroquial, e a douscentos metros dela, a área recreativa, á que se chega por unha pista asfaltada que morre alí. Ten un cercado de postes de cemento e arames, que é só de madeira na entrada. Mide uns cen metros ó longo do río, e uns sesenta na parte máis ancha.

É unha área que tamén fai de campo de festas da parroquia, razón pola que ten un palco, que é moi grande. E unido a el por detrás, formando unha soa construción, hai un gran local. Ó lado, en construción independente, hai uns aseos dentro dunha construción de fermosa arquitectura. Ten forma de templete sobre columnas de cemento e tellado de pedra, e ramplas de acceso, con barandas metálicas e chan de baldosas, elevadas sobre o terreo. É unha área moi ben amoblada. Recentemente, con prazo de remate en 2011, investíronse nela 17.241,38 euros, nun 70% de fondos europeos. Ten nove mesas e bancos de pedra (dúas delas longas, de seis e oito metros), seis bancos de madeira, dous asadores (un en cada extremo) e papeleiras de madeira e metálicas. En canto a árbores, está cuberta de carballos centenarios.

Na parte de riba da área, con relación á corrente do río, onde este forma o longo e fondo pozo Algariño, aínda se conserva o  sitio da barca que houbo alí, usada maiormente para ir á feira da Bandeira. Nesta área hai polo verán moitas comidas de xente de fóra, principalmente os sábados e domingos, para celebrar bautizos, primeiras comuñóns, etc. Pero unha veciña contoume que este idílico lugar xa non o é tanto desde hai pouco, por culpa das minas de seixo branco que hai ó outro lado do río nos estribos do castro de San Miguel, que son de Villar Mir, ministro de Franco, a quen o actual rei de España lle concedeu recentemente o título de marqués. Seica a xente enferma do pulmón por coller silicose, pois o vento arrástralles nubes de po de sílice para as súas casas, das que algúns marcharon, sobre todo do lugar de Adoufe, de San Miguel de Castro. E estas nubes de po ata lles estragan algúns cultivos.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS