Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Reuníronse (reunímonos) na parroquia de Calo, concello de Teo, concretamente na Casa Grande de Cornide, onde un tal Tarrío de Izquierda Republicana se exiliara canda a guerra polos mares do cono sur. Había anos que as historias particulares non coincidían, dende aquel agónico franquismo da Barcelona loitadora, onde cadaquén buscaba o seu particular tesouro entre as alfaias da urbe mediterránea: formación cultural, estudos académicos, liberdade, democracia e incluso pan e salario. Por iso foi emocionante, porque nos ollares residía sinceridade, complicidade e unha morea de recordos anubrados polos tempos bretemosos desta realidade liberalizada (que non libre). Algúns –como o que escribe– só coñeciamos IDGA por medio dalgúns escritos (poucos) e pola consulta de certos exemplares do seu voceiro clandestino: O Mallo. Irmandade Democrática Galega (IDGA) nace na cidade condal en marzo de 1972, cando se aglutina baixo causas comúns un grupo de galegos e galegas que, militantes ou simpatizantes do nacionalismo, buscaban facer eco dos acontecementos que suceden en Galiza e das aspiracións que esta debe ter. Sería longo explicar aquí as tres etapas desta organización, todas as actividades que realizan e os compromisos –e incluso riscos– que asumen os seus membros. Mais hai que sinalar que ha ser a partir do asasinato daqueles dous traballadores dos estaleiros ferroláns (Amador Niebla e Daniel Rei, que este ano tamén conmemoramos) cando IDGA se configure formalmente, tempo no que o PSG e a UPG asinan un manifesto común “Por unha Galiza Ceibe e Socialista”.
Nese instante son membros da organización galego-catalá: Xosé Lois García (traballador na SEAT, taller número 7), Xosé González Rego (igualmente operario nesa factoría, taller número 1), Margarita Ledo Andión (estudante de xornalismo), Xerardo Rodríguez Arias, e varias persoas máis, das cales moitas traballaban na devandita fábrica de automóbiles. Sen menosprezar o importante labor doutra organización clandestina durante o franquismo, como o é Brais Pinto, IDGA ten un activismo moito máis social, de traballo directo nas empresas industriais, de loita polos dereitos dos/as traballadores/as e do alumnado universitario,… moito máis combativa no ambiente social dos/as galegos/as (daquela máis de 6.000 que traballaban na SEAT). Por iso foi importante que o 1 de xullo do corrente ano se celebrase, en Teo (onde nacera o histórico Terzo de Calo, terra de Enrique Líster e de canteiros que termaron as armas e loitaron pola democracia entregando a vida), este 40 Aniversario da Fundación de IDGA. Até o lugar de Cornide chegou o son daquela “vietnamita” coa que se editaron 4000 panfletos (ollo: en lingua galega) que logo se repartirían na SEAT dando conta do que acontecía no país, das mortes dos traballadores da Bazán,…
Moitos dos membros deste círculo de amigos/as (de camaradas) vinculáronse coa UPG (da que serían posteriormente “linchados”: caeron como follas murchas de outono), e que logo cadaquén buscaría o seu espazo nas distintas pólas da árbore nacionalista, que se alimenta do substrato nutricio da historia, a tradición e a lingua.
A cobertura que lle daba “legalidade” a IDGA era o departamento de cultura da Asociación de Amigos de Nacións Unidas de Barcelona (con sede no número 14 de Fontanella), dende a que se realiza a famosísima “semán cultural galega” (á que asisten Manuel María, López-Suevos, Lois Diéguez, Paco Rodríguez, Camilo Nogueira,…), e dende a que se celebran outrosí unha morea de mesas redondas, faladoiros e actos de coloquio e aprendizaxe.
É así que debaixo do emparrado da casa de Cornide ecoaron aquelas lecturas que do Sempre en Galiza se fixeron nas fragas dos arredores de Barcelona, resoaron as arengas estudantís e proletarias (“Queremos un traballo digno na Nosa Terra”, que hoxe tamén bate con forza en min),… escoitouse a voz das Fusquenllas (creadas dende IDGA) e ulíronse fotografías descoloridas nas que ondeaba a bandeira nacional.
Mini e Mero (Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, da Quenlla), Raúl Galego (membro tamén deste grupo musical), Tereixa Buendía, Benito García Bolaño, Maribel Golmar, Manuela Mariño, Encarna Otero (émulo para moitos nacionalistas, que nos recordou o seu exilio en Tolousse), Noela Pousa Castro e o que escribe ficamos emocionados, como ditosos espectadores perante o acontecemento conmemorativo: que recendía a terra, a lingua, a matria, a loita e a soberanía. Comeuse, falouse, abrazámonos,… e toda esa materia emotiva quedou adobiada coa música sempre limpa (e transparente), sincera (e nada difusa), incisiva e decisiva de Mini, Mero e Raúl Galego. Porén os protagonistas foron aqueles membros de IDGA reunidos na artúrica táboa de Cornide, alongada e sen cabeceiras e preferencias, comunal e comunicativa: Pepe Barro, Alberte Campos, Chus Castro, Xosé Lois García, Xesús García Mosquera “Boiro”, Xosé González Rego “Foz”, Xosé Ramón Pousa Estévez, Xerardo Rodríguez Arias “O Aviador” e Suso Vázquez. Fiquen nestas liñas o meu máis sincero agradecemento e admiración por aquelas loitas que hoxe teñen que ser as mesmas, para poder triunfarmos coa esperanza e estrela por bandeira.
