Hemeroteca web
|
RSS
Domingo 26.05.2013
| Actualizado 02.18
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Administración galega mobilizará 400 efectivos e 160 máquinas para garantir a circulación nas estradas de titularidade autonómica nestes días, nos que Galicia, como o resto de España, está en alerta por baixas temperaturas, que seguirán en descenso ata o sábado.
Tras o Consello da Xunta, Núñez Feijóo destacou que Galicia dispón de 9.000 toneladas de sal e que o plan de viabilidade invernal está preparado co fin de poder facer fronte a calquera incidencia que se produza nas próximas horas.
Dito isto, instou a tomar precaucións á hora de circular, "especialmente" durante esta noite e as primeiras horas deste venres. Por último, subliñou que o resto de administracións --locais e estatal-- preparan tamén os seus propios medios.
ALERTA AMARELA NA MONTAÑA DE LUGO E OURENSE
A montaña de Lugo e de Ourense, así como o Sur da provincia ourensana e a bisbarra de Valdeorras permanecerán este venres en alerta amarela por temperaturas baixas que poden descender por debaixo dos seis graos baixo cero nalgúns puntos.
Segundo o boletín do tempo meteorolóxico adverso de MeteoGalicia para este venres, día 3, continuará sobre Galicia a masa de aire frío, polo que é probable que as temperaturas descendan lixeiramente con respecto ás do día anterior, ampliándose as zonas afectadas por temperaturas mínimas moi baixas.
En concreto no Sur de Ourense e Valdeorras ata as 12.00 horas prevense temperaturas que poden situarse por debaixo dos catro graos baixo cero. Pola súa banda, ata o mediodía deste venres as temperaturas poden descender por debaixo dos -6 graos na montaña de Lugo e de Ourense.
