Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

5-A: o cambio é necesario e posíbel

MANUEL MERA  | 17.02.2020 
A- A+

As expectativas respecto de que as eleccións galegas ian estar condicionadas polas vascas e catalás cumpríronse, e Núñez Feixoo convocounas para a mesma data que escolleu o Lehendakari. Con tempo xusto para que o proceso sexa o máis curto posíbel, evitando así que VOX e Ciudadanos podan presentar listas con algunha figura coñecida, e dificultando a recomposición da fragmentada unidade da esquerda estatal e de parte do soberanismo (Podemos+EU+Anova+En Marea+Mareas-locais) como consecuencia das súas contradicións e loitas polo poder.

Outras das vantaxes desta convocatoria anticipada é que limita os efectos das medidas que dende o governo se podan tomar en beneficio dos sectores populares, máxime cando este semella non ter presa (se cadra porque non quere confrontar coa patronal e espera unha aprobación dos orzamentos pola UE?). Asemade evita un maior xiro á dereita de Casado, exclusivamente preocupado en lle disputar o espazo a VOX, xa que semella que esta última razón ten moita importancia. Daquela que no mitin de presentación da candidatura en Vigo Núñez Feijóo afirmou, para que destacasen os medios, que “non sería refén de ningún partido, nen sequera do meu”.

Daquela que neste acto de inicio da campaña houbese moitas máis bandeiras galegas que españolas, perfilando unha mensaxe electoral na que todo indica porase o acento na moderación centrista e no autonomismo. Esquecendo que seu governo reformou a lei de normalización lingüística, que fora pactada por todos os partidos, para lle restar capacidade de recoñecemento e difusión ao galego, e que ademais salientou pola submisión da Xunta aos ditados do Governo central.

As primeiras enquisas danlle maioría ao PP, aínda que perdendo deputados/as, porén non se pode obviar que nas eleccións xerais e municipais, malia que nestes procesos hai un sector que muda o voto, o bloque da dereita ficou por detrás do constituído polas forzas de esquerda e progresistas. A chave máis unha vez estará na abstención (que ademais da estrutural é refuxio de sectores moi golpeados polo neoliberalismo, como a clase obreira e a mocidade).

Asemade, cómpre ter en consideración as múltiples e masivas protestas polos retrocesos en materia sanitaria, especialmente nas comarcas rurais, e que para alén das declaracións a Xunta mantén unha actitude pasiva. Esta tamén a dinámica dominante para evitar o peche ou dar alternativas ante o desmantelamento tres sectores industrias fundamentais, como son as centrais de enerxía térmica, as empresas electro-intensivas e os estaleiros; ao que se debe engadir a preocupante situación do mundo rural, especialmente o vencellado coa produción láctea. Neste temas, despois de once anos a Xunta non pode botar balóns fóra e moito menos seguir responsabilizando ao bipartito.

Agora ben, para alén das eivas e políticas contrarias aos intereses de Galiza, avaladas ou consentidas polo governo do PP, a oposición debe amosar que ten a fortaleza necesaria para desenvolver un proxecto capaz de confrontar coas políticas que agrilloan ao noso país nun papel subalterno na cadea de valor. E para iso, ademais de conseguir un compromiso do PSdeG-PSOE en temas fundamentais, tanto en clave de nación como respecto das clases populares, é fundamental que o Governo central poña en práctica durante estes meses algunhas das medidas pactadas co BNG que son especificas para Galiza, por exemplo as que fan referencia ao sector industrial ou á AP9. Que fose así sería un argumento moi forte para que o PSOE manteña o voto das xerais, e mesmo para que aumenten os bos resultados que se estima para o BNG.

En calquera caso a fronte nacionalista mesmo sen que se cumprisen todas ou parte das medidas pactadas recollería os réditos de ter logrado un pacto moi beneficioso para Galiza, para a clase traballadora, e a democracia. Non se pode obviar que se trata dun acordo que deixou patente a todos os demais partidos da Galiza con representares no Congreso, así como o déficit que implicou para o noso país a carencia durante varios anos de parlamentarios/as do BNG. Non é de estrañar que as enquisas reflictan un importante crecemento desta forza política, polo que todo indica será fundamental para que o PP perda a maioría no Parlamento galego (outra cuestión é que entre no Governo, algo que debería depender de para que e como).

A outra pata para que este cambio sexa posíbel é a conformada por Podemos e ex-aliados, dado a súa fragmentación e o retroceso na intención de voto. Todo fai pensar que os sectores soberanistas que teorizan sobre a “unidade popular” obviando o ámbito de decisión, como vangarda do proceso a prol do dereito de autodeterminación, non só non avanzaron mediante esta folla de ruta senón que perderon incidencia electoral en beneficio do polo Podemos+EU. Neste aspecto as eleccións do 5-A serán decisivas para clarificar definitivamente o debate sobre este tema entre as forzas nacionalistas (BNG+Anova+As Mareas+Compromiso, etc), mesmo sabendo que vivimos nunha conxuntura con todo o que iso implica de aumento das contradicións, complexidade social, situacións moi dinámicas e confusión política. Non se pode bater tantas veces na mesma pedra.

En fin, sería importante para Galiza un cambio de políticas nas institucións, e un aumento do peso do soberanismo galego para que as transformacións teñan maior entidade. Sabendo que para que sexa así, cómpre empurrar o proceso mediante a mobilización e un papel activo no debate e na iniciativa das clases populares, e moi especialmente do movemento obreiro. A participación e protagonismo dos de “abaixo” condiciona a rapidez dos cambios cando governa a esquerda, e evita os retrocesos e impón reformas cando governa a dereita. Ou sexa, mudar a correlación de forzas é a base esencial para conquistar a xustiza social, a igualdade e a democracia.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS