Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 28.08.2014  | Actualizado 20.47

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

75 anos do PSUC

JOAQUIM VENTURA  | 15.08.2011 
A- A+

Non son moi afeito a falar de momias. Porén, non lembrar o pasado ou querer esquecelo á mantenta pode falsexar o presente. Os diversos presentes que son cada día. E o que debería ser tarefa de historiadores –poucos protagonistas xa sobreviven-, o comezo da guerra civil, aínda marca o conxunto da sociedade española. Desde un xornal de recente aparición e militante liña editorial contra a dereita -propiedade de alguén de gaña os cartos con películas e goles- houbo unha campaña de vindicación da resistencia fronte ás tropas que se ergueron en armas o 18 de xullo de 1936. Sen negar o valor daquela memoria, penso que é pura nostalxia.

Porén, tamén naqueles días e pola urxencia do momento, naceu un partido que resultou decisivo para entender o século XX en Cataluña: o PSUC. Fronte á esquerda catalanista e pequenoburguesa de ERC e o apoliticismo estéril da CNT, as esquerdas de base obreira que aspiraban á acción política optaron pola unidade no seo da Terceira Internacional. E así naceu o PSUC, no Bar Pi de Barcelona, o 23 de xullo de 1936.

Se ERC non sabía como encarar a guerra –no fondo eran xente de orde- e os anarquistas queimaban igrexas e fusilaban cregos, monxas e persoas conservadoras, o PSUC –co apoio da Unión Soviética- encadrou o exército para facer fronte á sublevación. Mais decontado amosou o seu sectarismo e non dubidou, nos feitos de maio de 1937, en reprimir o aventurerismo da CNT e do POUM como se se tratase de aliados dos sublevados. Desde a hexemonía na policía toleraron a actuación de axentes soviéticos e inventaron aquela consigna de que Andreu Nin –desaparecido a mans da NKVD- ben podería estar en Salamanca ou en Berlín.

Pero malia todo isto, o PSUC soubo definir e que asumisen que a defensa dos dereitos nacionais de Cataluña eran parte da loita dos traballadores. E así foi durante os anos da clandestinidade, malia os dogmatismos inherentes a toda forza comunista, aceptando a intervención de Togliatti –ao servizo do PCUS- para poñer a Pere Ardiaca, moito máis sumiso ás ordes de Moscova, en troques de Joan Comorera. Acusado este de titista, unha posterior delación, que aínda é un misterio, provocou a súa detención en 1954.

Xa desde os anos sesenta o PSUC foi o partido antifranquista por excelencia en Cataluña. Quizais o seu erro foi non entender que moitos dos seus seguidores non aspiraban ao socialismo senón, simplemente, á democracia social.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS