Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 26.06.2017 Actualizado 20:46
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

MEDIO

A Xunta segue adiante co eólico que ameaza o Courel

Autoriza o proxecto que permite inxectar no sistema eléctrico a enerxía do parque  O Icomos alerta do seu impacto sobre a paisaxe e o Camiño Francés

R. FERNÁNDEZ  | 04.02.2011 
A- A+

ELISEO TRIGO/EFE
Eólicos na montaña lucense
FOTO: ELISEO TRIGO/EFE

Os ecoloxistas alertaron da máis que posible destrución dunha zona de alto valor natural incluída no LIC  Ancares-Courel e esta fin de semana o Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios Históricos Artísticos), na súa condición de órgano asesor da Unesco, do seu impacto nun tramo do Camiño francés. O parque éolico da Serra do Oribio, dacabalo entre os concellos lucenses de Triacastela e Samos, está no punto de mira dende a súa aprobación por parte do Goberno galego en xullo de 2009. Mais a pesar de todas as reticencias, o Consello da Xunta declarou onte unha parte do parque –o proxecto LAT 132 kV Parque Eólico Serra do Oribio-Subestación Triacastela– de incidencia supramunicipal, polo que os planeamentos dos concellos lucenses terán que adaptarse ás determinacións contidas nel. Segundo asegurou a Xunta nun comunicado, este proxecto permitirá inxectar no sistema eléctrico a enerxía xerada polo parque eólico e “contribuirá á mellora da subministración e a avanzar no desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia”.
Adxudicado a Fergo Galicia Vento S.G., a instalación contará con doce torres de 2 megawatts cada unha e situarase nunha das zonas máis protexidas do Courel.
Colectivos ecoloxistas e veciñais denunciaron no seu día o impacto visual e sobre o medio que terá esta infraestrutura, ademais das irregularidades detectadas na súa tramitación. Aínda que o ‘ok’ definitivo o recibiu da Xunta de Feijóo, o proceso comezou o 23 de xuño de 2005, cando a Xunta de Fraga sometía a información pública o parque para valorar o impacto ambiental e concluía o 12 de agosto de 2005 coa aprobación definitiva da declaración. Esta rapidez fixo que os colectivos denunciasen a situación, levando ó bipartito a paralizar a adxudicación ata a saída do Goberno.
O impacto sobre a zona foi corroborada esta fin de semana por unha delegación do Icomos –integrada por dous técnicos do ente un paisaxista externo– tras unha vista á zona. O presidente do comité científico internacional de itinerarios culturais da entidade, Víctor Fernández Salinas, mostrou a súa “preocupación” polo impacto desta instalación, de aí a súa chamada a buscar medidas que palíen esta máis que probable situación. Tras expresar a súa “grata” sorpresa polo excelente estado de conservación da contorna natural desa zona, asegurou que o parque é unha “posible ameaza” para a paisaxe e a ruta xacobea, na lista de bens patrimonio da humanidade dende hai 17 anos. Para o Icomos, este novo impacto podería provocar que o Camiño francés puidese perder esa condición.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS