Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Abanca concede ao Deportivo un préstamo participativo de cinco millóns de euros

"Este rescate non é diferente ao que fixemos con outras empresas galegas", afirma o presidente da entidade financeira

A CORUÑA. EP  | 09.01.2020 
A- A+

Abanca saíu ao rescate do RC Deportivo da Coruña coa concesión dun préstamo participativo de cinco millóns de euros, que o club terá que capitalizar. Así o confirmou, en rolda de prensa, o presidente da entidade financeira, Juan Carlos Escotet, e o candidato a presidente do Deportivo, Fernando Vidal, durante o acto de presentación do acordo alcanzado para que o banco axude ao club ante a "situación crítica" na que se atopa, cunha débeda de máis 83 millóns de euros.

"Esta situación e os malos resultados deportivos fan inviable este proxecto se non se toman medidas de carácter inmediato", asegurou Escotet, quen fixo fincapé en que o Dépor "é máis que un club de fútbol, é unha empresa que xera riqueza na súa contorna". Unha compañía que segundo Escotet, ten que "profesionalizarse" e modificar a súa estrutura financeira para poder sobrevivir.

Con carácter inmediato, a entidade bancaria concedeu ao club un préstamo participativo de cinco millóns de euros, que xa conta co visto e prace da liga e que terá que ser aprobado na próxima xunta de accionistas do Dépor.

Con este préstamo, a liga permitirá ao Dépor ampliar o seu tope salarial en algo máis de dous millóns de euros a distribuír entre os mercados de xaneiro e do próximo verán.

En paralelo, trala xunta de accionistas, o consello de administración do club convocará unha nova xunta para finais de febreiro para proceder a unha ampliación de capital.

O DÉPOR, COMO UNHA EMPRESA
"Este rescate ao Deportivo non é diferente ao que fixemos con outras empresas galegas. E todos foron co visto e prace dos accionistas. Se non, non ten sentido", explicou o presidente de Abanca , que pide a "maior participación" da sociedade coruñesa para axudar ao club.

"No momento que se faga a ampliación de capital, queremos que todos os accionistas se sumen para asegurar a viabilidade do Deportivo", afirma Escotet.

Pola súa banda, o candidato á presidencia do Deportivo, Fernando Vidal, sinalou que este acordo "abre a luz" ao club. "O Dépor non pode vivir coa auga ao pescozo", asegura.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS