Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 15.08.2018 Actualizado 18:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Acenos

JOAQUIM VENTURA  | 11.06.2018 
A- A+

Cando non hai cartos para facer moitas e/ou grandes cousas, ás veces abonda cos acenos. Entendamos acenos como expresión física (visual) das intencións. Boas, naturalmente. E o novo goberno que vai presidir Pedro Sánchez, a falla de disponibilidade orzamentaria (nin que sexa polo límite de déficit que marca a UE) e lexislativa, encetou a súa andaina con acenos. Menos é nada pero xa é moito.

Sen entrar –así de comezo- na análise das virtudes das persoas que o conforman, valga enumerar algúns acenos que –confío- pasen a seren definitivos. O primeiro, é así foi saudado pola prensa –especialmente a estranxeira- é a importante presenza de mulleres, moi por riba da paridade. Unha presenza que xa derivou na fórmula de considerar o colectivo como “consello de ministras e ministros”, unha circunstancia que levou a Real Academia Española a dar eventual validez a esta expresión pero rexeitando un eventual “consello de ministras”. Vixente a denominación “consello de ministros” desde os tempos de Fernando VII, tamén houbo negativa a solucións como “consello ministerial” ou “consello de goberno”.

Para alén desa maioría de mulleres no novo goberno, cómpre salientar a presenza de dous ministros gais confesos, se se me permite a expresión; un deles, amais, tatuado. Digo isto desde a máis absoluta das normalidades (e se non abondase velaí o que dixo hai un tempo o papa Francisco: quen somos para xulgar?). Unha circunstancia aplaudida polos colectivos LGTBI.

Se imos ás orixes xeográficas, atopamos un certo desequilibrio cara a Madrid e País Valenciano pero, obviamente, cómpre ter en conta os desequilibrios previos dentro do PSOE a favor e en contra de Pedro Sánchez. E se consideramos as idades, a media resultante é relativamente alta, cuns extremos de corenta e dous anos (a ministra Montón) e setenta e un (Borell). O presidente estaría daquela na franxa baixa co cal resulta evidente que procurou unha certa experiencia. En troques, en canto á afiliación ao partido, so dez dos dezasete pertencen ao PSOE, o cal deixa evidente que non hai cotas a pagar. E nunha proporción semellante, sete dos novos membros do goberno non tiñan como profesión ou ocupación anterior a política.

E malia os reproches feitos desde o partido defenestrado pola moción, non hai excesiva peaxe á etapa de Rodríguez Zapatero: apenas dúas ministras estiveron na súa órbita.

Malia todas as limitacións que queiramos (¿desde cando un goberno monocor pode satisfacer aos outros partidos?), este novo goberno podería ser cualificado como un sudoku de esperanza. E dígoo desde a miña condición de votante non socialista.

En primeiro lugar, porque de agora en adiante, o listón da presenza feminina ficou fixado moi alto: por baixa da estrita paridade non será ben visto calquera goberno futuro. Poderíamos seguir, en segundo lugar, pola práctica ausencia de ministros e ministras procedentes do ámbito privado (empresa, profesións liberais) e, en troques, si de altos funcionarios. Pero a diferenza do goberno anterior, entre estes atopamos membros da xudicatura e –o que é tal vez máis importante- non da Avogacía do Estado. O goberno de Pedro Sánchez non contén, nin por asomo, o que o xornalista catalán Enric Juliana bautizou como a “brigada Aranzadi”, que comandaba a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría.

E se o titular do goberno xa espertou as louvanzas da prensa internacional polo súa condición física –superando incluso aos “guapos” Macron e Trudeau-, o conxunto de ministras e ministros aporta unha sensación de modernidade que está ben lonxe da do goberno de Rajoy. Comezando por este mesmo, que non desentoaría nun gabinete de Sagasta, Maura ou Montero Ríos, e cuxa expresión plástica era a preferencia polo barroco do Século de Ouro español.

E se seguimos polos novos ministros e ministras, ninguén se imaxina unha eventual presenza súa nunha procesión de semana santa cantando “Soy el novio de la muerte”: hai apenas pouco máis de dous meses en Málaga, ¿lembrades? Como resulta difícil de imaxinar a calquera das ministras de Pedro Sánchez con mantilla española nunha procesión do Corpus. E postos a afastar gobernación e relixión, outros elementos que desapareceron son a biblia e mais o crucifixo empregados á hora de xurar –no seu defecto, prometer- o cargo: agora todos prometeron coa man posta nun exemplar da constitución. Outro tabú que semellaba eterno e que foi superado coa complicidade –cómpre salientalo- do rei Felipe VI.

E se poido facer un desexo antes de rematar, teñan a ben as ministras –comezando por Carmen Calvo- prescindir deses floróns que algunhas mulleres de dimensión política mediática colocan a un lado da parte superior do vestido ou da chaqueta. Se queremos modernidade, “cursiladas” as mínimas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS