Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Medio natural ·· FLORA

Achan en Corrubedo un novo tipo de Orquídea

Dous naturalistas ribeirenses encontran no parque natural un exemplar de "Barlia Robertiana", especie ata o de agora inexistente en Galicia

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 04.02.2011 
A- A+

XERMÁN GARCÍA ROMAI
Exemplar de ‘Barlia Robertiana’ no parque natural de Corrubedo
FOTO: XERMÁN GARCÍA ROMAI

Corrubedo, o parque natural preferido polos galegos, non deixa de sorprendernos. Á espectacular duna móbil e á rica biodiversidade que albergan as lagoas de Vixán e Carregal hai que engadirlles agora a presenza dunha especie de orquídea inexistente ata o momento en Galicia: a Barlia Robertiana, que eleva ata corenta as variedades de orquídeas rexistradas na nosa comunidade. Os seus descubridores son Xermán García Romai e Antonio Parada Mariño, fotógrafos e naturalistas ribeirenses que o pasado 26 de xaneiro atoparon, para a súa sorpresa e propia satisfacción, esta nova especie para a flora galega.

¿Cal é a importancia do achado? Xermán García teno claro: "Resulta sorprendente atopar este exemplar nun lugar tan investigado como o Parque Natural de Corrubedo e nunha familia, a das orquídeas, moi estudada en Galicia", apunta. De feito, hai apenas un mes, a Consellería de Medio Rural editou unha Guía das Orquídeas do Parque Natural de Corrubedo, na que non se sinala esta nova especie. Tampouco aparece no Catálogo de Orquídeas de Galicia, que dende 1989 non recibiu novas incorporacións. "Existían citas moi antigas da existencia da "Barlia Robertiana no interior de Lugo pero a imposibilidade de atopar un exemplar deixou esta especie fóra do catálogo", explica García Romai. Esta especie tamén se coñece vulgarmente como orquidón ou orquídea xigante polo seu gran tamaño, xa que a planta pode acadar o metro de altura. Na Península Ibérica teñen dous hábitats naturais: a rocha calcaria e os ecosistemas dunares, o que leva os descubridores a crer que o exemplar achado en Corrubedo non foi introducido artificialmente, senón que se atopa no seu hábitat natural. "A zona máis próxima na que se detectara ata o de agora eran as montañas de Asturias, concretamente no parque natural de Somiedo. Por iso, a súa presenza nunha zona costeira tamén resulta moi importante", explica Xermán García.

Dada a importante presenza de orquídeas no parque natural de Corrubedo -onde hai rexistradas ata doce variedades-, os naturalistas investigarán agora a presenza de máis exemplares unha vez teña lugar a floración real desta especie e posteriormente. Todo este traballo materializarase nunha publicación para dar conta do achado ante a comunidade científica, ó tempo que se realizará un seguimento desta nova planta, para observar en que estado se atopa a súa poboación.

O DATO

As das florerías son tropicais

As orquídeas pasan desapercibidas para a poboación, xa que as autóctonas nada teñen que ver coas orquídeas tropicais das florerías. O tamaño das flores pode pasar dos 4 centímetros da Barlia Robertiana ós 3 mm do Spiranthes, tamén presente en Corrubedo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS