Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Acordo contra case todos

JOAQUIM VENTURA  | 16.11.2019 
A- A+

Penso que nin aquel reloxo suízo que en materia de guións era Billy Wilder, podería pensar nun resultado, en apenas corenta e oito horas, como o que deron as eleccións do pasado 10 de novembro. Se alguén –eu o primeiro- sospeitaba que a intención de Pedro Sánchez (despois de lixar a UP en abril) era, coa nova convocatoria, desfacerse de Ciudadanos, cantou bingo. Pero tan ben cantado que Albert Rivera apenas durou dous telexornais porque, inmediatamente, Sánchez chegaba a un acordo con Pablo Iglesias que superaba calquera discrepancia pasada.

¿Facer da necesidade virtude? Sen dúbida pero a habelencia de ter reflexos non é cousa sempre doada. Cando alguén pon unha condición que semella inaceptábel, non hai como aceptala para deixalo fóra de xogo. Dígoo por experiencia. Na negociación sindical polo primeiro convenio colectivo nunha empresa informática onde traballei, o xerente teimaba porque os trienios quedasen conxelados e pasalos a complemento persoal. Era unha pedra no camiño: sen tal condición non había convenio. Ata que, de súpeto, dixen que aceptabamos.

Pero na celeridade en acadar o acordo houbo unha lectura errónea por parte da prensa que segue a actualidade. Foille adxudicada a Iván Redondo a teima de Sánchez en ir a novas eleccións cando, en realidade, xa avisara do risco de perder o gañado en abril. Fose así ou non, o luns 11 fixo un balance de danos e saltou a alarma. A desaparición, de feito, de Ciudadanos deixaba un burato negro no centro político que facía bascular o bloque de dereitas cara ao extremo.

Daquela, o PP de Casado seguía a negar unha eventual abstención que compensase unha contrabasculación do PSOE con UP, porque salvaría a investidura de Sánchez pero o deixaría en minoría pero coa oposición efectiva en mans de Vox. Daquela, de perdidos ao río, pensaría Sánchez. Chamada a Iglesias, preacordo de mínimos e a ameaza do propio partido queda conxurada. Porque non podemos esquecer que unha parte do PSOE –comezando por ese xerro chinés que é Felipe González- devece pola gran coalición PSOE-PP para maior tranquilidade do Ibex 35. O mesmo sector que destituíu a Sánchez en outubro de 2016 para facilitar a investidura de Mariano Rajoy.

Xogada de auténtico tafur do Mississipi, que pode facer viable unha maioría de esquerdas (moderada: Pablo Igesias xa se puxo a vacina) que permita a mellora das condicións sociais e unha recondución da crise catalá. Porque malia os medos (ou tal vez por iso) dos sectores económicos dominantes, é necesario reverter as consecuencias da crise (os estragos en sanidade, ensino, dependencia seguen aí) mentres crece o número de millonarios.

E verbo Cataluña, e malia as primeiras resistencias de ERC, cabe esperar que as augas volverán ao rego. Malia a perda de dous deputados –transvasados ás CUP-, segue a ser o partido centrado que poñe impoñer a súa hexemonía por riba de JuntsxCat e encarar unha solución do conflito co concurso do PSC e CComú-Podem. Dentro do marco constitucional, of course. Pero para que tal cousa suceda e Sánchez acepte tal solución, cómpre celebrar novas eleccións en Cataluña. Mentres non se coñeza  unha nova maioría, calquera proposta será inviábel. ERC terá que traballar a creto e fiarse da palabra de Sánchez.       

Pero volvendo ao desastre de Ciudadanos, a súa caída non foi casual: non se poden equivocar todos os seus antigos votantes en toda España. Xa avisei aquí que Albert Rivera non cumprira a misión encomendada polos poderes económicos que lle deron apoio financeiro: equilibrar cara ao centro se o PSOE se sentía tentado de pactar con Unidas Podemos. En lugar diso, xogou a disputarlle ao PP a supremacía na oposición cun discurso radicalizado contra Cataluña que excedía o espírito constitucional. E iso foi xa moita arrogancia.

Ao tempo, non tiña empacho en branquear un Vox ascendente coa foto da Plaza de Colón e con maiorías lideradas polo PP en concellos e autonomías. Posto en tensión o seu electorado e coa prensa de Madrid en contra, unha boa do seu electorado preferiu a protesta rebelde en favor de Vox fronte á suposta pasividade contra o desafío independentista. Iso demostraba a volatilidade dos votantes de Ciudadanos, partido que quixo substituír ao PP sen apenas presenza de afiliados. Sen esquecer que xa na súa xénese en Cataluña, articulouse como partido de dirixentes “pijos” pero con votantes “garrulos”. E xa se sabe: quen sente o espírito da Lexión (bandeira e testosterona) prefire Vox.

E una derradeira observación a propósito desta forza. Sorprende o arrepío que amosan moitos empresarios pola participación de Unidas Podemos no goberno e asemade observan o silencio máis absoluto perante o aumento electoral no nacionalpopulismo liderado por Abascal.   

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS