Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 26.06.2017 Actualizado 20:46
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Actuación deplorable do concello de Santiago nun xardín das Fontiñas

Xardín das Fontiñas (ó fondo a rúa de Berlín e á dereita a de Lisboa) - FOTO: M.B.
Xardín das Fontiñas (ó fondo a rúa de Berlín e á dereita a de Lisboa) - FOTO: M.B.

POR M. DE BRAN  | 22.05.2017 
A- A+

O 18 de maio, ó levantarme pola mañá, vin pola fiestra do cuarto varios troncos de árbores ciscados polo costento xardín abaixo do Cotaredo das Fontiñas de enfronte, situado ó outro lado da rúa de Berlín. Eran troncos dos castiñeiros que o día anterior estaban na parte alta do xardín, onde foron cortadas estas árbores froiteiras hai pouco máis dun mes. O primeiro que me veu á cabeza foi que se debía tratar dun acto vandálico máis cometido por algúns bárbaros, ó empuxalos a rolos polo xardín abaixo cara a transitada rúa de Berlín, coa que linda polo poñente e coa de Lisboa polo nacente. E pensei que os troncos podían seguir rodando ó empurralos alguén e chegar a caer na citada rúa de Berlín, situada varios metros por debaixo do bordo exterior do xardín, podendo causarlles danos irreparables ós viandantes e nos coches nela aparcados ó caerlles encima.

Para saír do meu asombro fun ó xardín examinar insitu a inquietante situación. Alí atopeime con nove grandes troncos colocados encima da terra branda do xardín. O máis grande sobresae 84 cm do chan polo couce, e mide 165 de longo. E uns operarios do xardín dixéronme que os troncos os puxera o Concello para ser utilizados pola xente como asentos, porque os veciños querían seguir vendo os castiñeiros, argumento para min carente de sentido. Ademais, puxéronos sen lles quitar a casca porcalleira, que cría os fungos que apodrentan a madeira, por iso hai que limpar as leiras arboradas despois dos incendios. E sen aplanalos por encima para sentarse neles, é dicir, sen xeito ningún.

Ó saber que fora o Concello, ou a empresa por el contratada, quen puxera estes ridículos asentos en vez de ser obra dos vándalos aínda aquedei máis asombrado. E para tranquilizarme, os ditos operarios dixéronme que non me preocupase pola seguridade dos bancos por estar amarrados cun ferro invisible pola parte de abaixo, espetado na terra do xardín. E que por iso non podían rodar por el abaixo para a rúa de Berlín ó empurralos alguén, como eu me temía. Argumento tamén carente de sentido para min, porque neste barrio foron arrigados polos vándalos varios asentos de madeira e de metal só polo pracer vandálico de cambialos de sitio, non suxeitos á terra branda coma a do xardín senón fortemente amarrados á pedra pura e dura. E varios dos de metal foron roubados para a chatarra.

M.B.
Novos bancos dun xardín das Fontiñas
FOTO: M.B.

Volvendo á cima do xardín, había alí once altos castiñeiros bravos, é dicir, sen enxertar, criados nun pequeno espazo coma nun porreiro. Algúns deles eran centenarios, e aínda deron castañas o ano pasado, salvo un que secou e foi cortado hai máis dun ano. Despois secaron os outros dez, pero dunha maneira moi sospeitosa. Porque secaron todos ó mesmo tempo, por quedar sen follas. E sen que lles pasase nada parecido ás outras árbores do entorno. Na beira deles había, e segue habendo, un transformador da corrente eléctrica soterrado. Por iso e por falta dunha enfermidade natural recoñecible polos veciños, algúns deles din que foron secados artificialmente, para que non danasen coas súas poderosas raíces o dito transformador.

Unha vez secos, os dez castiñeiros foron cortados hai pouco máis dun mes, e partidos en 13 toradas coa motoserra. Das cañotas ou canotos deles, 5 están completamente sans, 2 practicamente sans e os 3 restantes teñen só pequenos ocos no centro. Coas 9 pezas menos servibles para madeira, montou o Concello os ditos bancos na parte baixa do xardín. E as catro pezas restantes, de maior valor para esta clase de madeira moi cotizada, permanecen estradas polo chan por entre os ditos canotos. A maior delas mide 84 cm de diámetro no pé e 165 de longo.

O máis grande destes castiñeiros era centenario, o canoto del mide 123 cm de diámetro e 386 de perímetro. E recórdanos os castiñeiros bravos da famosa Fraga de Catasós, nun arrabalde de Lalín, nas Terras do Deza, recoñecidos pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación) como os máis altos de Europa. Por iso esta fraga foi declarada protexida, como Monumento Natural, da que os lalinenses están moi orgullosos, como o estabamos algúns veciños cos das Fontiñas.

M.B.
Canotos dos castiñeiros dun xardín das Fontiñas
FOTO: M.B.

Ademais, que un castiñeiro estea oco por dentro non lle fai perder o valor ornamental. Porque o pau da parte de ó redor do oco interior da árbore só fai de sostén dela, mentres que o zume ou seiva segue circulando pola parte exterior del manténdoa con vida, incluso, durante séculos. Por exemplo, o da Folgueira de Sobrado do Picato, da parroquia de San Cirilo de Recesende do concello de Baralla (Lugo), podado polo dono en 1949 e cortado no 1960 por asombrarlle a leira na que cultivaba centeo, sen que as autoridades lle impedisen cortalo, a pesar de ser o castiñeiro monumental máis grande de España. Dentro del dicían que cabían os bois co carro. E que a xente que antigamente o ía ver, quedábase a durmir dentro del co cabalo. Outro castiñeiro monumental famoso oco por dentro é o de Pumbariños de Manzaneda (Ourense), que comprou a Xunta de Galicia para conservalo. E un milenario, tamén oco por dentro, é o da capela de Begonte (Lugo), que ten unha imaxe da Virxe dentro. Exemplos que botan por terra calquera razón para cortar os castiñeiros con carochas que hai nos xardíns.

Por todo o dito, esta actuación deplorable de xardinería do Concello de Santiago, nun dos xardíns do barrio das Fontiñas, cabe cualificala de ignorancia supina que a RAE (Real Academia Española) define como “A que procede da neglixencia en aprender ou inquirir o que pode e debe saberse”. E se non me atrevo a cualificala de imprudencia temeraria, e por non existir por parte do Concello intención ou malicia algunha de provocar un accidente. Por iso esperamos que retire os ditos bancos para evitar que os vándalos que pululan por este barrio o poidan cometer.

Noticias relacionadas

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS