Hemeroteca web
|
RSS
Domingo 19.05.2013
| Actualizado 17.06
Houbo un tempo en que Coca-Cola patrocinou un libro en galego sobre O Gaiteiro de Soutelo. A multinacional buscaba lexitimidade, para que non a acusaran únicamente de andar a percura de beneficios. Sempre lle estarei agradecido, porque o ese libro escribino eu, case un rapaz daquela.
Pouco despois o concello de Forcarei, na Terra de Montes, organizou a Festa do Gaiteiro en lembranza de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, proclamado o millor gaiteiro de Galicia no Rexurdimento. Carlos Núñez, o seu herdeiro musical, segue decindo que foi o millor de todos eles.
A Festa convirteuse nunha tradición no terceiro sábado de agosto. E van 32 edicións. Cun prestixio enorme para o premio que leva o nome do lexendario gaiteiro de Soutelo. Creo que somentes lle faltaba atopar eco nas páxinas rexionais e nacionais de xornais e televisión.
Agora que o capitalismo perdeu o pudor –esa lexitimidade que percuraba CocaCola- xustificanse coa crise para acabar coa Festa do Gaiteiro. Xa non vai habela este ano. É una magoa. Sobranos festas gastronómicas, pero ainda nos faltan celebracións da nosa identidade, coma a do Gaiteiro.
No eido cultural, Forcarei estaba entre os grandes de Galicia. Non so por esta Festa. Editaba una revista anual, que non vin nas grandes ciudades, onde se mixturaba a recuperación do pasado co coñocemento do presente. Tamén desaparece.
Estou seguro de que se o alcalde David Raposeiras seguira vivo, perdurarían alomenos a Festa do Gaiteiro e a revista Cotaredo, a pesares dos recortes. E o concello de Forcarei seguiría sendo señeiro. Agora, é do montón. E xa que logo, que lle apliquen a lexitimidade que impón agora o capitalismo.
A memoria do Gaiteiro de Soutelo seguirá. Por sorte, hai discos gravados que dan fe do seu arte.
