Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Adeus a Raimon

JOAQUIM VENTURA  | 28.05.2017 
A- A+

Con tres concertos por cada fin de semana de maio, Ramon Pelegero Sanchis, Raimon, ven de retirarse fisicamente dos escenarios. Despois de cincuenta e cinco anos de dedicación profesional á canción, o cantante e poeta de Xàtiva ven de decidir que os seus setenta e sete de idade son o límite para conservar a dignidade como artista.

Raimon foi capaz, como poucos, de acadar fitas de influencia artística e popular co mínimo de ferramentas: letra, unha música de sostén e voz e guitarra para expresalos. Haberá quen diga que non foi un virtuoso nin da voz nin do instrumento pero abondaría un contraargumento: o recente premio Nobel Bob Dylan. E abondaría cos milleiros de persoas que cantaron con el en salas de concertos ou en campus universitarios, como naquel mítico 18 de maio de 1968 na Complutense madrileña. Abondaba cantar con el para sentirse ceibe. 

Malia el, probablemente, constituíu un papel aglutinador como expresión colectiva de resposta á ditadura franquista. Para a policía (incluso o exército) ao servizo de Franco era unha auténtica obsesión, incluso chegando a considerar no seu expediente que o nome artístico, Raimon, era un alcume (“alias Raimon”).

Máis alá da actitude de resposta política conxuntural, Raimon tivo dous eixes definitorios a maneira de coordenadas: a defensa da condición humana (partindo da crise existencial do individuo: velaí o berro primixenio de “Al vent”) e o valor supremo da palabra poética. Porque por riba de todo, Raimon é un poeta e un propagador da poesía. Non podería ser doutra maneira en alguén capaz de facer dos poemas de Ausiàs March (probablemente o mellor poeta lírico europeo do século XV) case un himno de amor, como aquel “Veles e vents”. Sen esquecer aqueloutro “Indesinenter” de Salvador Espriu (poeta hermético como poucos), transformado en vindicación colectiva contra os acomodados ás vilezas do poder ilexítimo.

E na defensa da condición humana, Raimon púxose como axente da vida dos sinxelos, dos humildes, da xente común. Desde “Jo vinc d’un silenci” a “Molt lluny”, falaba das esperanzas dos castigados (o seu pai, militante anarquista, entre eles), dos mozos que medraban coma el sen liberdade. O co amor á muller, en “Com un puny”, nun rexistro aparentemente oposto ao rexistro “canción protesta”.

E todo isto co vehículo lingüístico valenciano, a maneira de falar catalán que teñen ao sur do río Sènia. E empregar o valenciano en público nos anos sesenta era xa unha maneira de ser subversivo, cando a lingua popular era negada polas autoridades franquistas e segue a ser negada pola dereita chamada democrática. Porque Raimon foi negado cen e mil veces polo Partido Popular valenciano. Desde a Generalitat de Zaplana, Camps e Fabra ata os concellos de Valencia e Xàtiva comandados por Barberà e Rus. So coa súa caída en 2015, Raimon foi recoñecido institucionalmente como se merecía: xa en novembro daquel ano, fixo dous concertos en Xàtiva, organizados polo concello, e en 2016, a Generalitat valenciana programou dezaseis recitais.

Abonde o detalle que o xornal ABC daba a noticia salientando os 300.000 euros que custaron e a súa concesión “por procedemento negociado sen publicidade” a unha “empresa de organización de espectáculos con sede en Barcelona” chamada Annalisa Corti Sinceri. Unha mostra evidente da incultura da prensa de dereitas xa que Annalisa é a muller de Raimon e a súa axente. Incultura á cal se engade a mala idea cando na mesma noticia se denunciaba que a Generalitat catalá financiase unha homenaxe a Raimon ao consideralo un cantante “catalán”: Raimon esta empadroado desde os anos sesenta en Barcelona: non abonda iso para ser catalán?

Eu tiven as primeiras noticias de Raimon ben axiña malia non estar eu nun ambiente familiar e escolar proclive a iso. Lembro ler a letra da súa “canción prohibida” nun rato de lecer no patio da escola. Non teño conciencia exacta da canción (sospeito que era “Diguem no”) nin da miña idade daquela tería doce ou trece anos, é dicir cara a 1965. Uns anos despois, en 1972, asistín ao meu primeiro concerto de Raimon. Foi no mítico salón Iris, en Barcelona, un local que habitualmente acollía combates de boxeo e loita. Foron uns cantos os concertos seus aos que asistín despois, entre eles o celebrado no Palau dels Esports barcelonés nos días en que Franco agonizaba.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS