Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Adeus a Teodoro Petkoff

JOAQUIM VENTURA  | 20.12.2018 
A- A+

Os progresistas europeos e, por extensión occidentais, xogamos a carta da solidariedade ou da simpatía cara a Latinoamérica ante a imposibilidade de conquistar gobernos reformistas nos países deste lado do Atlántico. Foi primeiro a revolución cubana, aceptada sen reparos malia a súa condición nacionalista e, pouco despois, servidora dos intereses da Unión Soviética. Pasou despois ao carisma de Ernesto “Che” Guevara malia o ostracismo ao que o condenou Fidel Castro (o Congo e Bolivia estaban ben lonxe de Cuba) e malia as propias carencias persoais.

Despois do experimento reformista fracasado en Chile, foron as guerrillas urbanas contra os sistemas constitucionais (abusados polas oligarquías, sen dúbida) –Montoneros, ERP, Tupamaros- os que provocaron as intervencións militares co apoio –eternamente presente- do imperialismo de Washington. Unha década despois, o crédito do FSLN en Nicaragua tivo xuros malia certas políticas intervencionistas e autoritarias. Un crédito que alcanzou a compartir o proxecto ALBA con Chávez en Venezuela e diversas formacións de esquerdas gobernantes en Perú, Ecuador ou Bolivia, coetaneamente con outras no Brasil e Uruguai. Cun resultado de diversos casos de corrupción máis ou menos claros ou forzados. Sen esquecer as forzas guerrilleiras convertidas en criminais ou narcotraficantes (as FARC e o ELN).

Ante este panorama, se alguén facía o esforzo para saber diferenciar onde remataba a vontade liberadora e comezaban a demagoxia e mais o autoritarismo, resultáballe moi difícil establecer unha liña divisoria. Na América Latina había ausencia de referentes de pensamento a favor das políticas progresistas de base impecablemente democrática. E cando quixen analizar a realidade do réxime bolivariano de Venezuela, non tiven dúbidas de a quen acudir: a Teodoro Petkoff, o antigo guerrilleiro convertido en xornalista e teórico político.

Xa cando nos anos oitenta fun responsable de relacións internacionais da Entesa dels Nacionalistes de Esquerra –partido daquela coincidente con Esquerda Galega-PSG-, o contacto que establecemos en Venezuela foi co Movimiento al Socialismo (MAS), que daquela lideraba Petkoff. O MAS, demostraba que era posible transitar desde a insurrección armada contra o poder oligárquico á firmeza da democracia fronte aos poderosos e aos dogmáticos de esquerdas. Iso tamén sucedía coa Unión Patriótica colombiana, sucesora do movemento guerrilleiro M-19, reconvertido en partido democrático e socialista. E a proba de que tal proposta constituía un verdadeiro perigo foron os asasinatos dos seus líderes, entre eles o de Bernardo Jaramillo, a quen coñecín no congreso do PCI celebrado en Roma en 1989.

Volvendo a Teodoro Petkoff, fillo de emigrantes xudeus de orixes polonesas e búlgaras, militou de ben mozo no Partido Comunista de Venezuela durante a ditadura de Marcos Pérez Jiménez. Caído este en 1958, o goberno de Rómulo Betancourt non soubo dar resposta ás necesidades sociais. Se a iso sumamos a influencia da revolución cubana, as estruturas de diversos partidos de esquerda (PCV, MIR) pasaron á clandestinidade armada. A comezos dos setenta, unha fracción do PCV rexeitou as políticas da URSS e decidiron a formación dun partido de esquerda democrática e socialista non marxista, o MAS, ao que ben axiña se adheriu o MIR.

Candidato á presidencia da nación polo MAS por dúas veces, Petkoff abandonou o partido en 2000 cando a formación deu apoio á primeira candidatura de Hugo Chávez. Daquela fundou o xornal “Tal Cual”, de orientación abertamente antichavista e pasou a ter que que resistir as presións dun réxime cada vez máis autoritario malia o cal non dubidou en sinalar os nexos que había entre o militar e números dous do réxime Diosdado Cabello e o narcotráfico.

As críticas de Petkoff contra o chavismo –en prensa e en libros- doíanlle porque ao principio, lle deu o beneficio da dúbida. Pero pasaron a firmes cando o autoritarismo e mais o matonismo do réxime bolivariano pasaron a rozar o fascismo. Non eran consecuencia dunha simple discrepancia ocasional, nin tan solo da anterior influencia da revolución cubana. Como sinalou o escritor mexicano Enrique Krauze no obituario que lle dedicou, levaba a revolución no seu ADN: a súa familia participara na revolución soviética e inculcou nos seus fillos o seu espírito.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS