Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 25.05.2018 Actualizado 17:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Adolfo Domínguez planea 110 despedimentos, o 8% do cadro, logo da fusión das súas marcas

MADRID/SANTIAGO. EP  | 11.05.2018 
A- A+

Adolfo Domínguez recortará o seu cadro en 110 traballadores, o que supón o 8% do seu persoal, integrado por un total de 1.325 empregados, após a posta en marcha do seu plan de fusión de marcas, segundo anunciou este venres a compañía.

En concreto, a firma galega iniciará un expediente de despedimento colectivo, mobilidade e modificación das condicións de traballo por causas económicas, produtivas e organizativas que afectará a 110 postos de traballo.

A compañía explicou que este plan será debidamente comunicado aos traballadores que se vexan afectados e aos seus representantes, iniciándose o preceptivo período de consultas, e acometerase de forma "responsable, ordenada e consensuada", e de conformidade co previsto na normativa laboral.

A firma galega iniciou o proceso de fusión das súas marcas U, AD+ e Adolfo Domínguez baixo unha soa insignia (Adolfo Domínguez) coa transformación de aproximadamente 115 puntos de venda.

O primeiros seis establecementos que se converterán en tendas de venda exclusiva Adolfo Domínguez son os de Fuencarral (Madrid), Málaga, Canarias, Miranda do Ebro (Burgos) e Torrelavega (Cantabria). O plan inclúe tamén a reforma integral da 'flagship' de Paseo de Gracia (Barcelona) que reabrirá as súas portas no outono.

O proceso de fusión, segundo explicou a compañía, prevé a eliminación de duplicidades en rúas e centros comerciais, onde o grupo dispón de puntos de venda da marca principal e das submarcas U e AD+.

A compañía explicou que o proceso persegue xerar eficiencias en diversas áreas do sistema de produción e unha mellora da tesouraría que se consolidarán, previsiblemente, nos próximos anos.

Neste exercicio, a firma non prevé que o resultado neto do proceso teña un impacto "significativo" debido aos custos asociados á posta en funcionamento do plan de fusión.

Unha vez finalizado o proceso, unha soa marca, Adolfo Domínguez, sumará 416 puntos de venda en 29 países. A cifra final de puntos de venda en 2018 completarase coas aperturas xa realizadas desde febreiro e as previstas até o final do exercicio.

O grupo Adolfo Domínguez terminou o exercicio fiscal 2017-2018 con 114 millóns de euros en vendas, 1.325 empregados e unha mellora do resultado operativo do 75% respecto ao ano anterior.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS