Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

SEMANA EUROPEA DA REDUCIÓN DO LIXO

Afogados polos residuos

Cada galego xerará nunha década 2 quilos de refugallos ó día, o dobre do actual. Ante o colapso de Sogama e a crise económica que afecta ás plantas de compostaxe, Amigos da Terra avoga por mudar a actual "incultura de usar e tirar" por un consumo responsable

R. FERNÁNDEZ SANTIAGO   | 25.11.2010 
A- A+

O modelo de consumo actual levaranos a vivir entre o lixo. Cada galego xera actualmente unha media dun quilo de residuos ó día, cifra que podería duplicarse en só unha década de seguirmos coa tendencia actual. Só a crise económica na que estamos inmersos freou a carreira imparable de xeración de lixo, mais as previsións apuntan que a humanidade producirá entre 1990 e 2023 tantos residuos como os que se xeraron dende o principio dos tempos ata o ano 90. Esta situación, unida ó colapso que sofre Sogama e á crise económica que viven as plantas de compostaxe da comunidade, faría da xestión dos residuos unha cuestión imposible en Galicia. Por iso, no marco da Semana Europea da Redución do lixo, Amigos da Terra chama a políticos e cidadáns para cambiar de mentalidade e buscar un modo de vida máis sostible, onde o consumo responsable sexa unha peza clave.

"Vivimos inmersos na incultura do "usar e tirar", a sobreembalaxe ou a redución da vida útil dos bens, tres piares fundamentais do modelo de produción e consumo existente", denuncia María Durán, responsable de residuos da asociación ecoloxista Amigos da Terra. Unha aposta seria e definitiva pola política das "3Rs" (redución, reutilización e reciclaxe) constitúe, para o movemento ecoloxista, a única alternativa para afrontar o crecemento da produción de residuos. Unha prioridade que non semella estar na axenda política, xa que o modelo de xestión de residuos europeos dos próximos 15 anos afonda na incineración, que pasará do 17 ó 25% dos residuos producidos. O Estado xa supera esta realidade, xa que o 87% dos residuos son queimados ou depositados nun vertedoiro. A cifra é equiparable coa realidade galega, onde o lixo procedente do 85% dos 315 concellos do país van parar á incineradora de Sogama ou á entulleira da Areosa en Cerceda. Un predominio da queima que se manterá nas próximas décadas, xa que as administracións -tanto a central como as autonómicas- apostan pola incineración como modelo predominante de xestión dos residuos sólidos urbanos. As previsións son claras: ás 10 plantas que existen nestes momentos no Estado sumaranse nun lustro un total de 18, das que unha se construirá no sur de Galicia tal e como establece o novo Plan de Residuos elaborado pola Consellería de Medio Ambiente.

Para o movemento ecoloxista galego, este Plan -que o Goberno galego ten previsto aprobar no vindeiro mes de decembro- incorre nos mesmos erros do pasado, "obviando" as ordes da Directiva Marco da UE, que fixa como máxima prioridade a redución dos residuos. De feito, o texto europeo establece que se deberá estabilizar a xeración de residuos de todos os estados membros da Unión para o ano 2012, é dicir, a partir de aquí a xeración do lixo xa non pode medrar máis. Conseguido este obxectivo, o documento marco aposta pola reutilización e reciclaxe, deixando a incineración e a opción vertedoiro como último recurso para aquel lixo que non poida recuperarse.

Por este motivo, Adega, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia denuncian que o novo Plan de Residuos incumpre os obxectivos da Unión Europea e aseguran que a aposta pola incineración desincentiva o resto das opcións. "As previsións falan de que a xeración de lixo siga en aumento e a única solución que ofrece a Xunta de Galicia é construír unha segunda Sogama para paliar o colapso da actual", denuncia María Durán, quen tacha esta medida de "mero parche". Fronte a isto, o movemento ecoloxista volve reclamar un cambio de mentalidade á hora de xestionar os residuos, poñendo en marcha políticas efectivas de redución, promover unha compostaxe descentralizada coa construción de pequenas plantas comarcais e a posta en marcha dunha industria potente de reciclaxe.

 

o día sen compras celébrase mañá

Distintas cidades de todo o mundo celebrarán mañá o 19º Día sen Compras, xornada que simboliza a procura de alternativas que nos permitan superar o modelo de consumo actual e que ten lugar xusto antes de que comece a onda consumista que esperta o Nadal. Ecoloxistas en Acción e Greenpeace aproveitarán esta xornada para denunciar a permanencia dun sistema inxusto, alienante e insostible e reivindicar o consumo local, xusto e ecolóxico dos produtos necesarios.

GUÍA PARA REDUCIR

A política de residuos non depende unicamente das Administracións. Cada un de nós, como cidadáns, pode influír nun cambio de modelo. Por iso, Amigos da Terra conta cunha Guía para reducir residuos, coa que facer minguar o volume de lixo que xeramos no noso día a día. Como precepto xeral, a asociación ecoloxista recomenda preguntarnos antes de mercar un artigo se realmente se precisa ou se pode usar outra cousa para substituílo. De compralo, Amigos da Terra recomenda que o produto sexa "verde", é dicir, que non prexudique o medio tanto na súa fabricación como na súa posterior xestión.

 

Reducir na alimentación

Facer unha lista para evitar artigos innecesarios. Recoméndase comprar produtos locais e de temporada.

Prescinde da bolsa de plástico.

Evitar os produtos dun só uso.

Non ó sobreempaquetado, envases individuais ou minis. A alternativa: comprar a granel.

Para as bebidas, evitar bricks e latas e primar o embotellado en vidro retornable. Consumir preferentemente auga da billa ou en garrafa.

Reducir na hixiene

Aproveitar ó máximo produtos como pasta de dentes ou cremas, cortando o envase pola metade.

Elixe produtos concentrados, que resultan máis eficientes.

Merca xabón en pastilla ou formatos que non xeren envases.

Evita produtos con substancias perigosas como aerosois ou sprays.

No caso de ter bebés, opta polos cueiros lavables que, ademais de reducir lixo permiten un aforro económico.

Reducir nos hábitos domésticos

Rexeita publicidade

Compacta os residuos antes de tiralos ó lixo.

Merca produtos de materiais reciclabes.

Opta por artigos recargables.

As lámpadas, sempre de baixo consumo, que consomen ata un 80% menos.

Para os agasallos, evita a sobreembalaxe, opta por artigos que non requiran pilas e, de ser preciso, que sexan recargables ou renovables.

Reducir na oficina

Utiliza papel reciclado

Imprime se é necesario e escribe e fotocopia polas dúas caras

Establece un punto de reutilización do papel, onde apilar o que poida ter máis usos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS