Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

reportaxe

Afonso Ribas: "Se a lingua só se emprega na poesía, non serve"

A revista ‘Análise empresarial’ cumpre dúas décadas sen perder o seu carácter pioneiro: falar en galego de números e ciencias sociais sen apoio institucional, polo que nesta nova andaina o seu director, Afonso Ribas, reclama “máis atención”

MARTA RODRÍGUEZ  | 26.02.2008 
A- A+

Antonio Hernández
Xosé Manuel Beiras, esquerda, Afonso Ribas, Claudio López Garrido e León Barros en Couceiro
FOTO: Antonio Hernández

Foron os primeiros en falar da empresa e da economía en galego porque "se a lingua só se emprega para a poesía pois non serve de nada". Esta é a filosofía da revista Análise empresarial e do seu director, o economista Afonso Ribas, que co gallo dos vinte anos da publicación quere darlle un golpe de temón acorde cos novos tempos.

Para celebrar a efeméride, a libraría Couceiro de Santiago acolleu un acto de "reivindicación" desta publicación pioneira, que contou con dous padriños de excepción, o reputado economista e subdirector xeral da consellería de Medio Rural Claudio López Garrido e o catedrático Xosé Manuel Beiras, que resaltaron o labor deste equipo de consultores, baixo o nome de Unipro, que comezou hai 35 anos cun boletín trimestral para asesorar as pemes que máis tarde se transformou en revista.

Ribas, que tamén contou no acto co seu "compañeiro de aventura" na asociación, León Barros, ten claro que esta andaina responde a 20 anos de "economía altruísta" dun grupo de "galeguistas" que precisaba falar da economía de xestión e do mundo que o rodea en galego e que pasou por moitos atrancos, "porque a anterior Xunta en 16 anos só nos puxo dous anuncios porque non somos politicamente correctos ó usar a lingua sen normativizar e achéganos ó portugués".

Neste totum revolutum caben todas as expresións e tamén todos os temas da contorna das ciencias sociais, con artigos inéditos de profesores universitarios e profesionais de recoñecido prestixio, e outras curiosidades publicadas noutros idiomas e pasadas polo filtro do galego. De todos os modos, a idade manda e o director de Análise empresarial marca xa o camiño da nova andaina. "O meu equipo e máis eu xa estamos camiño da xubilación e temos fillos traballando xa neste proxecto, pero se por min fose, faría votos para que durase vinte anos máis se houbese máis colaboración institucional para facer a revista máis técnica, pero iso, si, para seguir falando de socioeconomía", avánzanos. Polo momento, a publicación cumpre dúas décadas tirando 1.500 exemplares dirixidos a clientes, profesionais e tamén ten o seu sitio nalgúns quioscos e paralelamente, os consultores de Unipro tamén impulsan a edición de libros en galego especializados en xestión de empresas e contabilidade, ademais de concentración parcelaria e plans para pemes en galego.

Afonso Ribas, reputado economista, tivo tempo tamén para referirse á ameaza da crise económica e, ó preguntarlle por se é unha "intoxicación" ou se realmente existe, declarou que "claro que está aí e quen o negue é un cínico, pálpase no día a día, porque se investiu moito no ladrillo e a industria está en recesión". Ademais, é consciente do sufrimento das familias pola suba dos tipos de xuro e porque a "xente ten menos cartos para gastar, se ata o recoñece o Goberno, porque cada vez se recada menos co IVE".

Respecto do impacto, non ten claro cando pode chegar o efecto rebote, pero constata a afouteza galega en sectores clave como o naval, as novas tecnoloxías e o téxtil, erixindo a área metropolitana de Vigo como o espazo de referencia para avanzar nunha aposta decidida polo I+D+i.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS