Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.06.2019 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Agresión militar e división en bloques

MANUEL MERA  | 24.04.2018 
A- A+

Segundo Trump, o ataque a Siria foi un éxito, xa que todos os obxectivos foron destruídos, e todos os mísiles cumpriron a tarefa encomendada. O goberno sirio e Rusia non fan o mesmo balance. Segundo eles, foron interceptados 71 dos 103 mísiles lanzados polas forzas de Estados Unidos, Francia e Reino Unido. Do total, seica só vinte eran de última xeración. Non se causaron danos na infraestrutura militar, só foron destruídos edificios abandonados e, o máis grave, un centro de investigación farmacéutica. Os bombardeos deixaron seis persoas feridas.

Que Siria interceptase un número tan alto de mísiles, malia carecer de equipamento de última xeración, mesmo contando cunha información precisa por parte de Rusia sobre os lanzamentos, deixa en evidencia os límites militares, en termos convencionais, da primeira potencia do mundo e dos seus aliados. Dá forza a esta valoración que algúns mísiles foron entregados aos rusos polos sirios para que os analicen. Sobre estas limitaciónsmilitaresdo imperialismo tomarán nota todos os países do mundo, especialmente Rusia e China e as potencias rexionais emerxentes.

Ademais, os resultados terían sido aínda máis negativos, para Trump, Macron e May, se Siria contase con armamento sofisticado, como por exemplo os S-300 ou os S-400. Chegaría daquela algún dos mísiles ao seu obxectivo? Tampouco se pode obviar que días antes, Putin anunciaba que Rusia contaba con armamento máis avanzado, concretamente hipersónico, que esperaba non verse obrigada a utilizar. Asemade, advertía das consecuencias de se poñer en perigo a vida de cidadáns rusos. Sería esta unha das razóns para que o ataque fose tan limitado, tendo en consideración as forzas desprazadas á zona?

O bombardeo contra Siria carecía de calquera xustificación e cobertura legal. Algo que cada vez é máis habitual por parte do imperialismo. Queríase demostrar quen manda no mundo. Foi un ataque contra aquelas potencias e nacións que non se queren dobregar aos ditados dos Estados Unidos e os seus aliados, e ademais un chamamento á disciplina para aqueles estados cómplices ou que se ven obrigados a aceptar un papel subalterno. A escusa para o bombardeo non resiste a máis mínima análise, por varias razóns: a) non hai motivos para que Siria, cando está gañando a guerra, realice un ataque químico a unha cidade na que tiña asegurada a rendición dos grupos terroristas islámicos; b) o seu arsenal químico foi destruído hai anos baixo supervisión das Nacións Unidas; c) as potencias atacantes non agardaron polas investigacións da OPAQ (o organismos das Nacións Unidas para o tema), que ía recoller mostras ao día seguinte do ataque. Por outra banda, non é primeira vez que os grupos terroristas utilizan armas químicas, contra a poboación das zonas ocupadas, para frear o avance do exercito sirio, coa axuda dos Estados Unidos e potencias aliadas.

Ademais dos motivos xa comentados, quérese xustificar a división de Siria e deixar en evidencia que son unha forza que determina no próximo Oriente. Estes obxectivos están enmarcados nunha estratexia máis a longo prazo e cun carácter máis global. Todo indica que forma parte dun proxecto, que ten o apoio de importantes sectores do capital, e non só do norteamericano. Quérese facer fronte á imposibilidade de vencer a China e outras potencias emerxentes utilizando o ámbito económico, e que non chega con sumar sancións, intervencións e a ameaza militar. E, dado que non conseguen dobregar China e Rusia, pretenden impoñer un mundo dividido en bloques. Ou sexa, quérese repetir a experiencia de abafamento da Unión Soviética, secuestrando a maior parte do globo e das súas riquezas. Pasan por alto que os tempos non son os mesmos. Rusia e China xa non están enfrontadas, e o capitalismo é un sistema cada vez máis desigual, entre clases e entre territorios. Un sistema que pretende subsistir restrinxindo dereitos, depredando os ecosistemas, fragmentando as clases populares e individualizando a sociedade. O capitalismo está na súa etapa senil, o que o fai moi perigoso.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS