Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Álbum de Galicia ponlle rostro ao país

Ofrece un "mosaico" online de biografías, documentos e recursos de 500 figuras da cultura galega // Foi presentado este xoves no primeiro pleno ordinario do ano do Consello da Cultura Galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 09/01/2020.- A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez (d), a secretaria desta entidade, Dores Vilavedra (c) e o técnico, Manuel Gago (esq), este xoves durante a presentación en Santiago de Compostela do proxecto 'Álbum de Galicia', a primeira colección dixital biográfica da cultura galega. - FOTO: EFE/ Xoán Rei
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 09/01/2020.- A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez (d), a secretaria desta entidade, Dores Vilavedra (c) e o técnico, Manuel Gago (esq), este xoves durante a presentación en Santiago de Compostela do proxecto 'Álbum de Galicia', a primeira colección dixital biográfica da cultura galega. - FOTO: EFE/ Xoán Rei

09.01.2020 
A- A+

O Consello da Cultura Galega presentou este xoves un novo recurso online, o Álbum de Galicia, unha ferramenta coa que pretende "pór rostro ao país" a través da biografía de máis de 500 figuras relevantes da cultura galega, ás que suma os documentos, traballos e artigos sobre elas desenvolvidos pola institución. Estas figuras, desde as máis coñecidas até personaxes "practicamente anónimos", son, en palabras dun dos seus responsables, Manuel Gago, "as teselas" do "mosaico" da cultura galega, visibles dentro dun proxecto que arrinca con 504 entradas pero que prevé crecer no futuro. Trátase, segundo a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, de "porlle rostro ao país" e "contar a historia de Galicia" con "nome e apelidos, lugares e datas" relacionadas con "as persoas que contribuíron á formación" da Galicia cultural.

Neste documento, con todo "aínda non están todos os que merecen estar", dixo Álvarez, que lembrou que como inicio, agrupa aquelas biografías incluídas noutros traballos desenvolvidos polo CCG, como o relativo á muller, á educación ou á ciencia. Nas súas páxinas 'online', o público pode atopar desde biografías de personaxes tan coñecidos como Rosalía de Castro até reseñas sobre figuras menos populares como Gabriel Fernández, introductor da química en Galicia.

A intención é que se trate dunha peza "coral" que se incremente cos anos. Para 2020, por exemplo, unha das liñas de traballo será a inclusión de todos os protagonistas da Revista Nós.

NEXOS E DIFUSIÓN
En primeiro lugar, este proxecto, cuxas raíces se remontan a 2005, busca difundir a figura de personaxes non tan coñecidos e dar recursos fiables e "de rigor" aos xa populares, contou outra dos seus responsables, Dores Vilavedra.

Neste sentido, e para difundir os fondos propios do CCG, o Álbum de Galicia dará acceso tamén desde a biografía de cada autor ás fotografías, documentos e recursos que poder do Consello que estean relacionados con el, desde dixitalizacións das súas cartas a artigos sobre a persoa a cuestión, recursos sonoros e audiovisuais ou actas de encontros e simposios. "Quere ser un mapa do que somos", dixo Dores Vilavedra.

Na mesma liña, Manuel Gago explicou que o proxecto busca ser "a porta de entrada que ofrece" o CCG para "todo o material que atesoura sobre as grandes figuras de Galicia", co obxectivo último de "empezar a construír unha rede social da cultura galega".

SESIÓN PLENARIA
A presentación do Álbum de Galicia foi un dos puntos da orde do día do pleno ordinario do Consello da Cultura Galega, o primeiro do ano, que se celebra este xoves.

Nel, abordouse tamén a presentación da memoria de 2019 da institución, un ano no que se realizaron 73 actividades, entre seminarios, congresos e conferencias. Así mesmo, avanzáronse parte das actividades previstas para este ano, que virarán ao redor de figuras como a Xeración Nós, Concepción Arenal, Luís Seoane e Ricardo Portela.

 

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS