Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Política ·· MUNICIPAIS

O alcalde de Arzúa, declarado inilexible pola Xunta Electoral

Admite unha denuncia do PP contra Xaquín García Couso, do BNG, condenado por un delito contra a Administración pública

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 24.04.2011 
A- A+

SUSANA FORMOSO
O alcalde de Arzúa, o nacionalista Xaquín García Couso, no seu despacho
FOTO: SUSANA FORMOSO

A Xunta Electoral da Zona de Santiago declarou "inelexible" o actual alcalde e candidato á reelección polo BNG na localidade coruñesa de Arzúa, Xaquín García Couso, ó ser condenado "en sentenza non firme, por un delito contra a Administración pública". O acordo da Xunta Electoral responde a unha denuncia do PP desta vila, na que recordaba que o rexedor foi condenado a unha inhabilitación que non cumpriu. Nun comunicado remitido polos populares, instaron o BNG para "cumprir coa lei" e consideraron a situación "moi grave".

No texto da resolución, a Xunta Electoral reclámalle ó BNG que "no prazo de 48 horas emende a irregularidade denunciada" polo grupo local do PP. O documento sinala que a Lei orgánica do réxime electoral xeral (Loreg) establece, tras a nova redacción dada coa reforma do pasado marzo, que "son inelixibles os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a administración pública ou contra as institucións do Estado cando a mesma estableza a pena de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público". Así, considera que o candidato do BNG en Arzúa "é inelixible", dado que foi condenado e a sentenza estableceu a pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.

Respecto disto, os nacionalistas anunciaron que presentarán un recurso contencioso contra a decisión da Xunta Electoral, "absolutamente desproporcionada" e que incluso "atenta contra o espírito da Lei" e tachan de "moralmente inaceptable" a acción dos populares, considerando que se trata dun movemento co que tratan de "agochar as súas propias miserias e as súas propias corruptelas". Nun comunicado, a secretaria de Organización do BNG e directora da campaña nacionalista, Montse Prado, censurou que o PP trate de impugnar a candidatura de Xaquín García Couso, e afirmou que irán ata o Constitucional se é preciso.

A representante do BNG afirmou que se trata dun "problema exclusivamente administrativo e menor". "É unha incidencia moi frecuente na administración municipal", dixo Prado, que tachou de "escándalo" e de "mostra de enorme cinismo" este intento de "equiparar os casos de corrupción, nos que o PP si é especialista, co que é simplemente a demora na execución dunha sentenza de derruba dun piso dun edificio".

Máis aló, reprochoulles ós populares que fagan a denuncia cando a sentenza de inhabilitación "non é firme" e cando "non houbo nin sequera orde de execución por parte do xulgado". Ademais, Prado afirmou que a orixe deste problema está nas "irregularidades cometidas" na construción dun edificio en Arzúa, que "teñen que ver co período de goberno do PP".

"Foi un alcalde do PP o que permitiu a construción dun piso ilegal e foi ese alcalde o que en primeira instancia se negou a derrubalo", recriminou a nacionalista, que considerou "gravísimo" que os populares se amparen dunha lexislación de excepción, a recente reforma da lei electoral, prevista para delitos que inclúen o terrorismo.

A CERNA

Non derrubou o piso dunha casa

O rexedor Xaquín García Couso foi condenado a seis meses de inhabilitación en cargo público por un delito de desobediencia á Administración pública, por non derrubar o sexto andar dun edificio cuxo número de alturas foi considerado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS