Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O alcalde de Barreiros e cinco concelleiros, absoltos de prevaricación urbanística

SANTIAGO. EP  | 11.02.2019 
A- A+

O xulgado do Penal número 2 de Lugo absolveu este luns ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fonte Parga, así como a cinco concelleiros que formaban a xunta de Goberno Local en 2006 e á entón arquitecta municipal, do delito de prevaricación urbanística do que estaban acusados pola concesión, durante ese ano, de 44 licenzas para construír case 3.500 vivendas.

Tal como sinalou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na sentenza, o xuíz sinalou que existen "certas dúbidas" sobre se a actuación dos sospeitosos foi "totalmente legal ou axustada á lexislación vixente".

Neste sentido, o maxistrado subliñou que non quedou acreditado que estivese "desprovista de toda interpretación razoable do ordenamento xurídico aplicable á materia sobre edificación e plan existentes no Concello de Barreiros".

Así mesmo, a sentenza sinala que a actuación dos imputados tiña "certa apoiatura legal" xa que "cabía entender a posibilidade de atoparse ante chan consolidado" debido á existencia de "redes de servizos e subministracións nas parcelas, de modo que puidesen adquirir a condición de solares con obras accesorias".

Ademais, o xuíz sostén que da proba practicada non se probou "cunha claridade meridiana" que os acusados actuasen "a propósito da inxustiza que cometían á hora de aprobar as licenzas".

Así, destaca que se atopaban ante "informes técnicos favorables en todos os casos e xurídicos favorables ou confusos, salvo nun par de casos que eran claramente desfavorables, ou sen informe xurídico".

Contra o fallo, que foi notificado este luns, cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS