Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Domingo 21.12.2014  | Actualizado 11.30

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

O alcalde de A Capela pide compensacións para os veciños afectados polo incendio

FERROL. EP  | 04.04.2012 
A- A+

O alcalde de A Capela, Manuel Meizoso, pediu ás administracións que contemplen conceder axudas económicas aos veciños do municipio que se viron afectados polo incendio que se iniciou o sábado 31 de marzo no parque natural das Fragas do Eume e que calcinou 750 hectáreas.

O rexedor dun dos municipios máis afectados e no que se iniciou o lume encabezou o acto cidadán celebrado ante o Concello ás 13.30 horas en repulsa do incendio e no que participaron case 200 veciños. Tamén estivo presente a delegada da Xunta na provincia de A Coruña, Belén do Campo.

Durante o acto, o rexedor de A Capela tivo que controlar o choro e interromper emocionado en varias ocasións a lectura do manifesto, no que mostrou o seu agradecemento a aqueles que colaboraron na extinción do incendio, tanto traballadores como voluntarios e veciños.

"Non nos vai impedir este estado de dor polo perdido e de indignación por o sucedido, ter moi presente aos efectivos que lle plantaron cara a esta lamentable catástrofe", manifestou, para situar entre eles dous traballadores do Concello "que loitaron durante corenta horas sen descanso".

Tras o acto, Manuel Meizoso demandou "axudas aos afectados polo incendio e que cheguen o antes posible" posto que a madeira dos terreos se venderá a un prezo baixo ao quedar calcinada.

"QUE REMATEN OS ENFRONTAMENTOS"

O rexedor de A Capela reclamou ademais á Xunta que "contacte cos veciños para reformularse o que é o parque natural Fragas do Eume", porque "os propietarios do parque son os veciños". "Eu quero que se rematen os enfrontamentos entre veciños e administracións", engadiu, e "que se chegue a un acordo para non estar sempre cos mesmos problemas" que se arrastran dende a declaración do parque en 1996.

A Consellería de Medio Rural declarou o incendio controlado a última hora da tarde deste luns. Estímase que a superficie calcinada ascende a 750 hectáreas, segundo a última cifra oficial ofrecida, da que preto de 370 correspóndense con terreos de alto valor ambiental.

As brigadas da Xunta e os máis de 300 militares da Unidade Militar de Emerxencias mobilizados dende León permaneceron na zona das Fragas do Eume para realizar tarefas de arrefriamento e vixilancia para evitar que o lume poida reactivarse.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS