Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O alcalde de Xinzo, Manuel López Casas, dimite por motivos familiares e abandona a política

Asumiu o cargo o pasado 6 de abril após a renuncia de Antonio Pérez

Manuel López Casas - FOTO: EP
Manuel López Casas - FOTO: EP

OURENSE. EP  | 06.08.2018 
A- A+

O alcalde de Xinzo de Limia (Ourense), Manuel López Casas, dimitiu este luns por motivos familiares. O rexedor popular relevou á fronte do consistorio o pasado 6 de abril a Antonio Pérez, quen renunciara após ser condenado tres semanas antes a oito anos e medio de inhabilitación para emprego ou cargo público por un delito continuado de prevaricación na contratación de varios traballadores para o concello entre 2011 e 2013.

En declaracións a Europa Press este luns, López Casas asegurou que a "única razón" para abandonar o cargo foi "persoal e familiar", xa que deberá trasladar a súa residencia á Coruña "para atender dun neto", obrigación que non lle permite continuar á fronte do Concello de Xinzo de Limia.

Así as cousas, o rexedor limiano asegurou que a dimisión como alcalde do municipio ourensán é o "punto final" na súa carreira política, que iniciou neste mesmo concello en abril de 1979 como concelleiro na primeira corporación democrática.

"Tiven sempre unha gran debilidade pola política local. Xa son maior, levo moitos anos en política, paseino moi ben. Agora, hai xente nova que ten moitas ganas e está moi preparada. Deséxolle toda a sorte do mundo", engadiu.

Así mesmo, López Casas apuntou que o "máis bonito" que viviu como alcalde durante este catro meses foi a posibilidade de ofrecer unha "resposta inmediata a calquera veciño", así como a "colaboración" co resto da corporación.

SUBSTITUCIÓN NA ALCALDÍA
Segundo comunicou López Casas a Europa Press, o tenente de alcalde de Xinzo de Limia, Manuel Cabas López, será "inicialmente" o encargado de tomar o posto de rexedor, xa que "é a quen lle corresponde".

Con todo, delegou a elección do novo alcalde no seu grupo de goberno, que deberá decidir a substitución de López Casas nas próximas semanas, unha vez que se celebrou o pleno extraordinario onde se notificará a súa renuncia ao cargo de alcalde.

Desta maneira, Manuel López Casas dá por finalizada a súa etapa na política galega, onde foi, ademais de edil, rexedor e tenente de alcalde en Xinzo de Limia, delegado de Xustiza e de Agricultura en Ourense, deputado no Parlamento de Galicia e director xeral de Infraestruturas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS