Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.12.2017 Actualizado 20:02
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Alcaldes, deputados e senadores reclaman melloras na liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña

Participan representantes de PSOE, En Marea, BNG, Terra Galega e Compromiso por Galicia

FERROL. EP  | 20.03.2017 
A- A+

Varios alcaldes dos municipios polos que discorre a vía férrea entre Ferrol e A Coruña, ademais dos deputados no Congreso de En Marea Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz e o senador socialista Ángel Mato, reclamaron nunha reunión celebrada este luns no concello da cidade naval melloras nesta infraestrutura.

O alcalde, Jorge Suárez (FeC), destacou ao termo do conclave que entre os obxectivos fixáronse a mellora das frecuencias, así como unha promoción do uso do ferrocarril e unha bonificación ao estilo do transporte metropolitano que o faga atractivo aos universitarios e os maiores.

Outro acordo ten que ver coa proposta da unión entre ambas as cidades por "un tren de proximidade rápido, un proxecto que xa existiu no ano 2000 e 2008 e que estaba valorado nuns 400 millóns de euros". "Podería combinar as liñas directas, con viaxes de 25 minutos, con servizos con paradas intermedias, tal e como ocorre no servizo de autobuses", remachou.

"Aquí xa non están en xogo colores ou signos políticos, senón que hai unha demanda cidadá de case medio millón de persoas que busca facer a esta comarca atractiva como polo industrial", defendeu o rexedor ferrolán, quen tamén subliñou como importante contribuír a "frear a crise demográfica" que sofren a cidade e a comarca "desde hai moitos anos".

"ÚLTIMO ELO"

Por parte de En Marea, Antón Gómez Reino indicou que a ligazón ferroviaria coa Coruña pode ser "o último elo para que esta comarca non quede descolgada en ámbitos como o económico e laboral", de modo que asegurou que o compromiso do seu grupo "é máximo".

"Imos levar esta demanda ante todas as instancias ás que podamos chegar para que se escoite, que é unha demanda de toda a cidadanía e que non pode continuar no abandono absoluto e no esquecemento", salientou.

Pola súa banda, o senador socialista Ángel Mato incidiu en que esta demanda é "unha necesidade urxente" e conveu que "é o momento" de realizar un estudo das frecuencias para que ningunha poboación quede illada".

Finalmente, a concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga, expresou "todo" o "compromiso" do goberno local que representa con esta acción conxunta. "Co sur xa estamos minimamente comunicados", sinalou, e lamentou que "non sucede" o mesmo co norte.

AUSENCIAS

Nesta reunión de traballo tamén se deron cita os rexedores de Narón (Terra Galega), Neda (PSOE), Fene (BNG), Miño (Compromiso por Galicia) e Betanzos (PSOE), ademais dun representante do goberno de Pontedeume (PSOE).

A pesar de confirmar a súa presenza, os que non participaron neste encontro foron o rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro; o deputado do PP na Cámara Baixa Juan Juncal e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e desculparon a súa asistencia por problemas de axenda.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS