Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 15.08.2018 Actualizado 18:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Reclaman apoio

Alcaldes do BNG denuncian "abandono de funcións" da Xunta nas franxas contra o lume

Esixen que "asuma" a súa "responsabilidade" en cuestións como servizos sociais e non as cargue "sobre as costas" de municipios

SANTIAGO. EP  | 12.06.2018 
A- A+

Alcaldes do BNG denuncian o "abandono de funcións" da Xunta na xestión de franxas de seguridade contra os incendios forestais, ao non achegar "a mínima axuda orzamentaria" nin medios.

Este martes, os alcaldes nacionalistas de Carballo, Baños de Molgas, Moaña, Tomiño e Rianxo compareceron en rolda de prensa en Santiago para alertar de que "é absolutamente imposible" que "a administración local asuma" a xestión destas franxas.

Neste sentido, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, incide na "colaboración" dos municipios nas tarefas de rozas, pero avisa de que non poden "suplir" o "traballo" da Xunta, nin tampouco a súa "responsabilidade" nesta cuestión.

"Cada un ten as responsabilidades que ten e as nosas chegan exclusivamente á colaboración", sentenciou o rexedor carballés. "Os concellos non temos máis responsabilidade que colaborar coa administración autonómica e os responsables de Medio Rural, porque nós esa responsabilidade nin a temos nin a podemos asumir", agregou.

"LAVADO DE CARA DA XUNTA"
Tamén reflexiona Ferrero sobre que os convenios con algúns concellos para "manter brigadas contraincendios ou motobombas non é suficiente", polo que demanda á Xunta que "asuma as competencias que lle son propias". Así mesmo, cre que "non se pode ameazar permanentemente con multas e sancións".

"Non se pode utilizar nin aos concellos nin á Fegamp, que representa á totalidade de entes locais, como instrumento de lavado de cara da Xunta, que cada pau aguante a suá vela!". "Que por parte da Xunta se asuma dunha vez que é responsable da política forestal neste país", clamou o primeiro edil carballés.

Ferrero puxo como exemplo que en Carballo hai 1.000 quilómetros de pistas municipais --sen contar as autonómicas e da Deputación--, o que suporía limpar 2.000 kilometros, 1.000 a cada lado, nun "período de tempo absolutamente imposible de poder materializar". "O exemplo do noso municipio pódese multiplicar por cada un dos 313 que hai", expuxo.

A XUNTA CARGA RESPONSABILIDADES "SOBRE AS COSTAS" DE MUNICIPIOS
Así mesmo, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, censura que a Xunta "está a cargar sobre as costas dos gobernos municipais servizos e prestacións que lle corresponden como Goberno galego".

"Os concellos asumimos competencias en servizos sociais cando non teriamos que asumilas", queixouse Santos, a pesar da "escaseza de recursos" das administracións locais.

Xunto a isto, os rexedores reprochan que a Xunta deriva en municipios facer fronte a cuestións como a loita contra a avispa velutina ou o desenvolvemento da lei de benestar animal sen achegar recursos necesarios.

A modo de exemplo, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, apunta que un concello como o seu ten que destinar uns 50.000 euros a gastos no marco da nova lei de benestar animal, pero a liña de axudas da Xunta para toda Galicia é duns 300.000 euros.

Todo iso, mentres a lei de racionalización da administración local de Cristóbal Montoro "impediu" aos municipios contratar ao persoal necesario, "cunha carencia moi importante nos cadros municipais" e "de capacitación técnica".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS