Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Para alén das arroutadas de Trump

MANUEL MERA  | 17.07.2018 
A- A+

O resultado do cumio da OTAN, así como a nova onda de aumento de aranceis a produtos chinos e doutros países, reflicte que o de Trump non son arroutadas persoais nen conxunturais. Vese que se trata dunha estratexia planificada dunha parte do capital estadounidense, para redefinir no seu  beneficio as regras de xogo internacionais e o papel que na escala de valor xoga cada potencia. Unha dinámica que, no marco da globalización neoliberal, trasladarase axiña a todos os demais estados do mundo.

A presión internacional de Washington dáse no ámbito militar, da información e das redes, da cultura de masas, das sancións comerciais, dos aranceis ás importacións e exportacións, e respecto das divisas e dos valores en Bolsa aproveitando a hexemonía do dólar. Unha estratexia que todo indica lle está a dar resultados, por iso, malia a actitude agresiva, mesmo ofensiva de Trump, no cumio da OTAN, en relación coa política económica de Alemaña, Merkel evitou responder. No mesmo senso hai que entender que Pedro Sánchez rectificase respecto de que non podía atinxir un 2% de gasto militar, e que Grecia (casualmente) botase eses días a dous diplomáticos rusos.

A xuntanza con Putin, en Helsinski, na procura de abrir algunha fenda entre Rusia e China, forma parte desta folla de ruta e, aínda que semella pouco realista no seu obxectivo, ten como aspecto positivo que, de mellorar a comunicación entre ambas potencias nucleares, pódense evitar situacións sen volta atrás e ademais dar solución a conflitos enquistados, como o de Siria. Daquela, que chame a atención a valoración negativa que do tema fan moitos medios norteamericanos ligados aos demócratas, e a algúns sectores republicanos (unha postura que copian unha morea de medios no resto do mundo, acriticamente, como resultado da histórica subordinación). Todo fai pensar que apostan pola confrontación entre estas dúas grandes potencias, en defensa dos intereses das corporacións, de poder ou ideolóxicos, obviando as consecuencias para a humanidade. Este é un tema que dá que pensar, que amosa até que punto moitos medios perderon a perspectiva, e o obxectivo de servir á sociedade, converténdose exclusivamente en promotores dos produtos e estratexias empresariais.

Esta mesma falta de obxectividade semella existir cando se alerta sobre as consecuencias do aumento dos aranceis, e se prognostica que isto pode conducir a un recuar do comercio internacional, a unha caída do PIB e do emprego, sen concretar cifras e indicar o tempo que se alargaría. Usase máis unha vez o espellismo ou o alarmismo, como cando a entrada na Unión Europea dicíase que seica traería un beneficio inmediato, ou cando venceu o Brexit unha desfeita en pouco tempo. Agora utilizase a escalada proteccionista, que seica o vai invadir todo con consecuencias irreparábeis, cando en realidade as sancións e aranceis son selectivos, e ademais os Estados Unidos non fai ningún aceno no senso de limitar a súa presenza militar e comercial no exterior, cando lle favorece. Non cuestiona a globalización, que é consubstancial co imperialismo. Polo tanto, mentres se sae de determinados tratados como o TTIP segue a asinar acordos de libre comercio bilaterais, xa que os considera máis beneficiosos para os seus intereses.

Daquela, sendo certo que as iniciativas de Trump son moi agresivas, e que poden causar un retroceso na economía mundial, non se pode obviar que sería un período de transición, do que resultarían tres escenarios posíbeis, e ningún deles cuestionaría os alicerces da globalización neoliberal. Estes escenarios serian: que os Estados Unidos se reforce como potencia dominante; que se consolide unha división do mundo en dous grandes bloques; ou que termine triunfando a alternativa multipolar. Por máis que os Estados Unidos e aliados, dependendo do sector económico e do país, procuren impoñer algún dos dous primeiros escenarios, todo fai pensar que o último ten posibilidades reais de triunfar ao final desta conxuntura (ou dun hibrido entre a segunda e terceira opción). Xoga a prol do último escenario, a importancia industrial de China, o poder militar de Rusia, que as novas potencias emerxentes, como India e Turquía, teñen un pé en cada lado do río, e que Alemaña e Francia ven aumentar as súas diverxencias con Washington.

Agora ben, ademais desta loita na cúpula, entre potencias, corporacións e grandes fortunas, existen contradicións fundamentais que non se poden obviar. A globalización neoliberal agudizou a desigualdade entre clases sociais e entre nacións, e deu folgos a emigración e a violencia, a niveis nunca vistos. Un contexto que alenta o descontento e todo tipo de estoupidos populares, e que dá pulo a movementos nacionais, populares e democráticos. Resulta evidente que estas contradicións non teñen solución no marco do capitalismo senil. E neste aspecto, non sen sacrificios, as saídas en beneficio da humanidade van no camiño de construír a solidariedade a partir do respecto pola soberanía das nacións, desenvolver economías sustentábeis e autocentradas e con base no intercambio xusto entre países, en potenciar o sector público e o cooperativismo, e en establecer democracias populares. Trátase de distribuír con xustiza traballo e riqueza e respectar a riqueza cultural e lingüística do mundo.

En resumo: as eivas e atrancos do capitalismo son cada vez máis fondas, tanto no social como no democrático, e a prepotencia de Trump o que fai e deixalas máis en evidencia, aínda que en principio relegue as contradicións e suxeitos fundamentais. Na actual conxuntura non existe unha confrontación entre globalización e proteccionismo. Non é verdade. Dáse un enfrontamento moi agudo no seo do capitalismo entre as forzas neoliberais, a respecto de cal controla o mundo, como o dividen ou non entre elas, e que papel teñen outras forzas secundarias. Mesmo sendo así, non é unha cuestión sen importancia cal destes escenarios se termina impoñendo.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS