Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Alerxia á diversidade interna

XOSÉ A. GACIÑO  | 10.07.2018 
A- A+

Non sei se é unha secuela da transición (cando os analistas de orde de entón, algúns nostálxicos do partido único, alertaban contra a sopa de letras) ou unha lectura sobreactuada da indisolúbel unidade da nación española á que se refire a Constitución, pero o caso é que entre moitos políticos se estende o pánico ante a posibilidade de división no seu partido (e ven posibilidades de división detrás da menor discrepancia pública, unha visión que comparten e alentan algúns medios e comentaristas). Causa, efecto ou pretexto desa sensación de pánico, está tamén moi estendida a impresión de que o electorado castiga ás forzas políticas que se mostran divididas. O exemplo máis a man para ilustralo é a estrepitosa caída electoral da Unión de Centro Democrático no 1982, aínda que, nese caso, máis que de división, podería falarse dun acelerado proceso de autodestrución.

Afeito a unha dinámica sucesoria na que o líder saínte deixaba designado ao seu sucesor, o Partido Popular vive estes días unha certa experiencia de orfandade á que ten que facer fronte cun proceso acelerado de maduración: tras ser derrotado por unha moción de censura, o líder marchou sen designar sucesor e hai que cubrir a súa baixa por mecanismos que implican votacións entre varios candidatos, o que supón diferencias, debates (de momento, só declaracións cruzadas ou por persoas interpostas)... Para algúns, elementos que transmiten a sensación de división. E non vacilan en propugnar candidatura única, presentando tal proposta como aspiración ideal do conxunto da militancia (un ente abstracto que só se pode concretar precisamente a través dunhas urnas).

Esa sorte de alerxia á diversidade interna non é exclusiva do PP, aínda que case todos tratan de disimulalo o mellor posíbel (incluídas as novas forzas emerxentes). Os socialistas, neste aspecto (e sen moitas posibilidades de disimulo), levan xa varios anos de rodaxe tratando de superar o baleiro de liderado no que os deixou a marcha de Felipe González. Aínda están recentes as súas últimas batallas pola secretaría xeral con enfrontamentos moi abertos e directos (e agora, por certo, tras a moción de censura coa que volveron ao goberno, empezan a encabezar as sondaxes de opinión).

Aparentes defensores dunha Constitución para eles intocábel -que establece que a estrutura interna e o funcionamento dos partidos políticos deben ser democráticos- e defensores tamén da libre competencia, chama a atención que teñan receo ante a libre pugna democrática interna e ante a libre competencia entre os que aspiran a líderes. Curioso, porque nalgúns países -como Alemaña, onde se establecen por lei as eleccións internas nos partidos para designar candidatos- esa competición polo liderado se considera unha maneira de dificultar a corrupción, como unha sorte de control mutuo entre os que compiten por un posto.

(Quizais o máis curioso deste confuso xogo de paradoxos aparece cando un comproba que os defensores da competición interna non son precisamente os que máis se distinguiron pola súa defensa da pluralidade, dentro ou fora do partido. E non deixaron de repetir a consigna da prioridade da lista máis votada, aínda que esa prioridade non sexa contemplada na Constitución que presuntamente adoran).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS