Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.05.2013  | Actualizado 01.24

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Alexandre Bóveda e a Galiza Mártir

MANUEL MERA  | 17.08.2012 
A- A+

O 17 de agosto conmemorase o Día da Galiza Mártir, coincidindo co tráxico asasinato na Caeira, concello de Poio, de Alexandre Bóveda Iglesias, secretario xeral do Partido Galeguista (PG). Do fusilamento, despois dun simulacro de xuízo realizado polos alzados que combatían ao goberno lexitimo da Segunda República, escribía Castelao “non enterran cadavres, enterran semente” ao pe nun dos seus debuxos do albume Galicia Mártir.

Na edición no exilio de A Nosa Terra en setembro de 1942, hai agora 70 anos, destacase con relación á institución da conmemoración “tamén nesta data Día dos Mártires Galegos veneramos a todos os mártires do pasado, a todo nos que no percorrer dos tempos caeron na defensa do chan patrio ou da súa liberdade”. Nacía deste xeito a conmemoración da data. Na ANT de 1946 faise unha lembranza daqueles que foron asasinados polo “alzamento nacional” e a ditadura franquista: Víctor Casas, Anxel Casal, Camilo Díaz, Johán Carballira, Luis Poza, Johán Suárez Picallo, Manuel Castelao, Xermán Adrio, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla, etc.

Recoñéceselle a Bóveda ser o organizador e dinamizador do PG, como colaborador fundamental do Seminario de Estudos Galegos no proxecto de Estatuto de Galiza, que se debateu no encontro de ORGA en xuño de 1931 na Coruña, e anos despois do anteproxecto que seria aprobado o 15 de xullo de 1936. Malia ser católico militante aposta, coa maioría do PG, pola Fronte Popular para frear o avance do fascismo. Hai quen pensa que a “xente ben” de Pontevedra, de dereitas, nunca lle perdoou que se puxera do lado dos galeguistas, dos labregos e obreiros. Por iso houbo unha actitude tan desapiadada, queríase dar un exemplo, malia que Bóveda non tiña ningunha relación con actos de violencia.

Alexandre Bóveda, aínda que nado en Ourense en 1903, terá unha relación importante coa cidade do río Lérez. Será funcionario da Delegación de Facenda de Pontevedra dende 1926, despois de obter en Madrid nas prazas convocadas o número un (en 1924) e facer novas probas. Nesta cidade casa con Amalia Álvarez Gallego. Asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez, e participou activamente na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931. Lembremos que o “PG tomará o nome da organización homónima pontevedresa impulsada e fundada un ano atrás, por Alexandre Bóveda xunto a Pedro Basanta e Castelao” (Uxío Breogán Diéguez, Actas Congreso A Galiza de Bóveda, 2003).

O seu pensamento político fica reproducido no seguinte escrito “Un réxime federal de nazonalidades ibéricas en que a democracia se poda manifestar ceibe de todo poder pode ser máis avanzado que unha República case centralizada e burguesa”. Hai, ademais outro Bóveda, que tampouco podemos esquecer, ligado á iniciativa social e á participación, cun papel decisivo na creación da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra, da que foi director, ou formando parte da Coral Polifónica.

A homenaxe a Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir, debera servir para que os galegos e galegas lembremos a débeda histórica que temos cos nosos devanceiros. Cos irmandiños que loitaron contra a opresión nobiliaria, cos que se ergueron en defensa do país en 1846 “para que nos temeran e respectaran”, cos mariñeiros e obreiros que se amotinaron en Ferrol en 1872 na procura dunha República Federal, cos que fundaron as Irmandades da Fala en 1916, cos miles de labregos que sementaron con sangue a loita contra os foros e as levas forzosas, cos nosos emigrantes que construíron escolas e subvencionaron sindicatos, en fin, con todos aqueles que fixeron Patria. En todos eles latexaron sentimentos de grandeza e solidariedade, que agromaron tan barilmente nas derradeiras verbas de Bóveda antes de ser fusilado “... Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galiza e pola República...”

Manuel Mera







Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS