Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 18.09.2014  | Actualizado 01.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Algo cheira a podre en Dinamarca

JOAQUIM VENTURA  | 11.11.2011 
A- A+

Desde a restauración da monarquía, confirmada pola Constitución de 1978, houbo dúas regras non escritas entrre a Coroa e o poder político democrático, que cabería considerar como un pacto de non agresión: a primeira institución non participaría en empresas privadas suscetibles de calquera especulación e as Cortes non censurarían os gastos da familia real nin as propiedades que, como patrimonio persoal, poidese ter.

Cabe supoñer que este existía e existe. Resulta fácil intuir que, cando Afonso XIII abdicou e marchou ao exilio en 1931, algúns fondos debería ter xa preparados no exterior a maneira de plano de pensións. Daquela, os controis fiscais para levar cartos a Suíza eran moito máis relaxados ca hoxe e a valixa diplomática servía para máis cousas que levar documentación confidencial. Doazóns privadas á marxe, de algo tivo que vivir a familia real en Roma e Suíza, e despois don Juan no seu exilio de Estoril. Patrimonio que, naturalmente, pasaría por vía hereditaria privativa a don Juan Carlos.

Patrimonio que debe existir se lembramos a Manuel Prado y Colón de Carvajal, senador por designación real en 1977 e administrador privado do monarca durante máis de vinte anos. Un persoeiro que acabou metido en mil mollos escuros, por algúns dos cales foi condenado (Grand Tibidabo, KIO-Torras, Wardbase) e que comprometeu de moi perto as finanzas do monarca.

E agora andan nos xornais as presuntas andanzas do seu xenro, Iñaki Urdangarín, investigado por desviar cartos que tería recibido, de maneira sospeitosa, dos gobernos autonómicos valencián e balear. A verdade é que a cousa non pinta ben. O emprego de sociedades instrumentais, algunha deles radicadas en Belice, para facturar polas supostas actividades subvencionadas, xa ten mala pinta. Peor a ten que esas subvencións fosen concedidas sen concurso e sen que despois fosen debidamente xustificadas, cousa que xa reclamou a Sindicatura de Comptes valenciana.

Como resultaría sospeitosa a compra dun palacete exclusivo en Barcelona valorado en seis millóns de euros (reformas aparte) e que pouco disfrutaron cando os duques de Palma marcharon aos Estados Unidos. Traslado que non sería casual xa que en 2006 houbo movementos desde o pazo da Zarzuela para que Iñaki Urdangarín deixase os negocios que tiña polas sospeitas que espertara, denunciadas polo deputado socialista balear Antoni Diéguez. Algo cheira a podre en Dinamarca.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS