Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 28.11.2014  | Actualizado 14.16

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

TEMPO LIZGAIRO

Alienados, definitivos e patéticos

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 29.02.2012 
A- A+

As abróteas tapizan os lugares máis abrigados, os narcisos florecen pero ai! as novas da revolución non chegan”. Chus Pato, Secesión.

Xa ves, Chus, que a alomorfia é interminábel, obscena e innecesaria, pero a barbarie capitalista está aí, non só para espoliar e contabilizar mortalla, senón para facermos lévitos e lévedos de nós mesmos. Na forza suasoria de Ningures lavaron os actos criminosos en ‘auga bendita’, fascista, para sermos, tamén, a vella Europa, solemne e abrupta, coa caínza comesta e desafiuciada polos ladróns bancarios en tristeiros lupanares de noites estremecidas. Lei e Xustiza para todos neste infortunio do vivir cabo do umbral das soedades sen un Góngora que levar á raia que foi boca devecente e devecida, eivados nun desleixo provocado e inducido por máquinas mortíferas, con nomes piedosos, femininos, se cadra, envolveitos nun papel ruín, falso e ecolóxico. Que maneira de facer rizos, rulos que outrora tamén dicían bucles a farsa nacional-católica española! -a permanente nas perruquerías de agora e sempre, o modelado servido por eunucos liofilizados polos grandes laboratorios made in usa, cativos loiros de si ‘asublimados’ no sol fuxidío do norte sen norte, eles; elas primas donnas de boutiques que fuxiron espaventadas da luz encegadora dos Champs Élyséses, la plus belle avenue du monde: Chanel, Dior, Vuitton, Cartier, Boss, algo que xamais a voz unívoca da Revolución, nin cando Maio do 68 que a nós-outros nin sequera nos sosprendeu no burgo de Compostela, de ferratarías, drogarías de auga de colonia a granel, todo falsa seda chinesa e bisutaría. Auschswitz, Chus, se ti reparas unha migalla, transita e acontece máis que un anaco entre as rúas acedas e o sorriso institucionalizado da cidade. Adorno, cre que non hai que escribir poesía despois desa bile, dese desiderato patético. A mínima moralia, cabo de todo, é unha proposta burguesa, absurda e decadente. O home non existe fóra dos primeiros planos dese filme nos que, inocente e culpábel agarda triunfar. Words, words! –iso é o que hai e temos que facer. Walter Benjamin, pensou o mesmo antes de se autoabandonar na ficción fronteiriza de Portbou. Engels, fóra de Marx, non propón. Adorno despetrifícase, e ese é o instante no que ten medo. Galiza, Xosé Manuel Beiras Torrado, meu amigo, xoga ao pádel. A billarda, máis que representar a un tempo, é un obxecto de decoración.

Cando eu era adolescente esa era a indiferenza que agora descobren, indecentes, os vulgares e os idiotas. Recordas os catro últimos días de Pompeia na nación galega? Non. Ninguén sabe nada de naide, como nos expresabamos na feira de Cotá, en Nadela, en ti. Marcel Proust, María, con grifa á billa aberta tamén quixo recuperar o tempo escambullado. Hoxe, Chus, recordo cando procurabas escribir cartas ao xeito de Rilke, para falar da súa poesía.

Chove breve e lizgairo en Vilagarcía. Vou con Ela ás grandes superficies da aldea que dicides global. A literatura ten moito que ver coa física. O núcleo esvaece, eslúe, canta/conta pedras e palabras. Mañá, María, faremos medrar os vocábulos enriba das flores, para que outra xeira o fiúncho medre en nós. Se-CE-Sión, así debería (talvez) ser o título do libro de Chus Pato. As sílabas sempre son finitas. Os Irmandiños, nunca foron unha revolución. Como “Máis Galiza”, o tempo merca ouro, merda, cambalache, século XXI, outra mentira. Prosegue a infamia, o boureo.



Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS