Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Almonte: crime sen resolver

JOAQUIM VENTURA  | 20.03.2019 
A- A+

Malia a imaxinación ou a ficción do xénero literario negro, criminal ou policial, as máis das mortes homicidas prodúcense na contorna das vítimas: parella, familiares, amantes, amigos. Un crime pode ter moita repercusión social –especialmente, mediática- pero non por iso deixan de ser, no fondo, máis ca un acto de pulsión humana.

Os que nos interesamos por eles pero gardando a distancia das emocións, se algo procuramos é tentar descubrir o lado de maldade ou de violencia que cada un de nós, queiramos ou non, levamos connosco. Dependerá da capacidade de saber frear para, chegado un momento de crise, evitar consecuencias fatais.

Se moitos anos atrás os cantadores de romances levaban a crónica negra de vila en vila –os humanos tamén temos unha parte de impresionable-, agora son as televisións as que exercen o papel amplificador. Pero se eses cantadores de aleluias se conformaban coa esmola que lles daban os cidadáns ou a vontade por vender un folletín, agora as audiencias mídense e teñen a correspondente retribución en publicidade.

Esta –entre outras- é unha das reflexións que o xornalista andaluz Javier Caraballo fai en El crimen de Almonte (Almuzara), unha crónica da brutal morte dun pai e da súa filla, acontecidas en 2015 en Almonte, e das cales foi acusado o amante da respectiva esposa e nai. Unha acusación que foi negada polo tribunal popular que xulgou o caso na audiencia provincial de Huelva e despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e polo Tribunal Supremo.

Non trata este estudo de describir unicamente as circunstancias que facían imposible que Francisco Javier Medina, parella daquela de Marianela, muller (en trámite de separación) de Miguel Ángel Domínguez e nai de María, de oito anos, fose o autor dos crimes. Entra en detalle da instrución feita pola garda civil e como este procedemento foise axustando para que cadrase, en tempo e en espazo, coa presentación de Medina como único e evidente culpable.

En síntese. Un sábado pola serán, Miguel Ángel estaba na súa casa cun amigo seguindo un partido de fútbol. A súa filla estaba na casa, preparada para ir cear co seu pai. Cinco minutos antes que rematase o partido, o amigo marchou e, ao pouco, entrou o asasino, sen forzar a porta. Na liorta a nena berra, cousa que escoita unha veciña que así llo transmite por móbil á súa parella, circunstancia que permitirá establecer a hora do suceso. Miguel Ángel recebe corenta e sete puñaladas, mentres que a nena cento catro, ningunha delas mortal.

Eliminados uns primeiros sospeitosos, o obxectivo da garda civil pasou a ser Medina, en tanto que suposto beneficiario. A falla de roubo ou doutras razóns (todos coincidían na bondade de Domínguez), o móbil que aparecía como máis claro eran os celos, un motivo que dalgún xeito situaba a Marianela como eventual indutora ou cómplice. A partir de tal suposto, os axentes da garda civil que levaban o caso foron acomodando as circunstancias (horas, lugares, rastros do asasino) para crear a evidencia de culpabilidade de Francisco Javier. Entre esas circunstancias, a panacea: restos de ADN atopados nunhas toallas limpas.

Con todo isto, prensa escrita e televisións, especialmente, comezaron a fixar a culpabilidade de Medina, nun xuízo paralelo que –en palabras de Caraballo- convertía sospeitas en feitos probados e acusacións en sentencia firme, con total esquecemento da presunción de inocencia. Incluída a actuación de Marianela, quen pasou a estar no bando dos acusadores.

Unha das eivas que Caraballo pon á investigación policial é a confianza nas probas de laboratorio (e no previo auxilio de cans na procura de indicios) e o abandono do método tradicional: gastar solas de zapato, ter a orella aberta e preguntar. Preguntar moito e a moitos. Porque o ADN está aí, certo, pero o que non poden dicir os técnicos de laboratorio é desde cando nin como chegou. Polo tanto, a evidencia non sempre é tal.

Un caso que fixou definitivamente a non culpabilidade de Francisco Javier Medina, que deixou en evidencia os procedementos policiais e que segue a ter un responsable libre. Moitos ingredientes para facer unha serie televisiva como a que xa anuncian será, dirixida por Isaki Lacuesta. Un proxecto que se inscribe na tendencia da verdade dos crimes.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS