Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O pico xa "está a descender"

Almuiña asegura que o colapso dos hospitais por mor da gripe "mellorou"

LUGO. EP  | 12.01.2018 
A- A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que o pico da gripe "está a descender" en Galicia, cunha mellora que se constatou "a metade de semana", de modo que o colapso que sufriron os hospitais galegos "mellorou tanto en asistencias como en ingresos".

Con todo, en declaracións aos medios en Lugo, rexeitou falar de "colapso" e optou polas fórmulas "alta incidencia" e "maior número de asistencias". Sexa como sexa, subliñou que "a situación está moito mellor".

"Temos uns niveis que mesmo podemos aproveitar mellor. Os centros de saúde e a PAC están con menor actividade, e xa levamos un par de días baixando en canto a número de asistencias e de ingresos", recalcou Almuiña.

Díxoo un día despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitise que existen "poucas dúbidas" de que hai que "mellorar" os servizos de urxencias e xulgase que sería "preocupante" que os seus responsables "pensasen que non hai nada que mellorar".

É máis, concedeu que habería que avaliar a posibilidade de dar camas en planta aínda que "o confort non sexa óptimo" como nas habitacións, pois se é superior ao de acumular pacientes en urxencias, debe analizarse e supón unha petición "razoable".

CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE
A visita de Almuiña a Lugo estaba concibida para presentar o proxecto do centro integral de saúde no barrio da Residencia, que estará concluído na primeira quincena de maio.

Sobre este centro, que se situará sobre as ruínas do vello hospital, o conselleiro mostrouse convencido de que as obras se poden iniciar "no último trimestre" do presente ano.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS