Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O alumnado galego, en folga este xoves para reclamar o final da Lomce e unha Lei autonómica de Educación

A convocatoria, impulsada por 'Erguer!', inclúe manifestacións nas principais cidades e concentracións en municipios

SANTIAGO. EP  | 14.11.2017 
A- A+

Galicia acolle este xoves a primeira folga educativa do curso. Unha convocatoria, apadriñada polo sindicato de estudantes 'Erguer', co obxectivo dar o golpe definitivo á Lomce e reclamar o impulso dunha alternativa propia fronte aos traballos da subcomisión destinada a lograr o desexado pacto educativo estatal: unha lei autonómica de Educación desde unha perspectiva galega.

Miles de alumnos están chamados a secundar o paro, desde secundaria até a universidade, baixo a lema 'Nin Lomce nin pacto entre elites. Por unha lei galega de educación', ademais das mobilizacións que se celebrarán ás 12.00 horas nas principais cidades e noutros municipios.

A organización convocante xustificou a protesta en que, a pesar da paralización das chamadas 'reválidas' como consecuencia das mobilizacións sociais dos últimos anos, a chamada 'Lei Wert' continúa aplicándose en todo o Estado.

A polémica reforma educativa segue en vigor mentres a subcomisión do Congreso continúa en paralelo co proceso para alcanzar o chamado pacto pola educación, aínda que non ao ritmo desexado pola comunidade escolar.

A principios de curso, varios portavoces dos sindicatos de profesorado reprochaban a falta de novidades sobre o transcurso das negociacións no ámbito estatal. A CIG, en concreto, criticou que o debate pasase a un segundo plano e, mesmo, tachouno de "paripé" para dilatar o proceso e manter a Lomce.

Desde a organización 'Erguer' acusan os partidos implicados na subcomisión de tentar impulsar "unha mera maquillaxe" da Lomce "de costas" á comunidade escolar, "sen cambiar o fondo", en lugar dunha "alternativa real" na que estudantes, profesores e familias "teñan voz na elaboración".

CONSULTA ESTUDANTIL

O sindicato celebrou numerosas asembleas en setembro recollendo achegas e propostas en distintos centros e facultades, de cara ao deseño do modelo galego desexado pola comunidade educativa.

Posteriormente, realizou un proceso de consulta, un referendo "simbólico", en 70 centros educativos, no que o 94% dos máis de 8.000 alumnos participantes trasladaron o seu apoio a unha hipotética Lei Galega de Educación.

A folga deste xoves será, deste xeito, o primeiro paso movilizador nos plans da asociación, co fin de sacar de novo á luz da discusión pública o debate sobre a reforma educativa e o modelo desexado para Galicia.

As manifestacións celebraranse a partir das 12.00 horas en Ferrol (edificio da Xunta), A Coruña (praza de Vigo), Santiago (Alameda), Melide (IES), Pontevedra (praza da Peregrina), Vigo (praza América), Ourense (subdelegación do Goberno) e en Lugo (Praza do Seminario).

Tamén están previstas concentracións á mesma hora nos municipios de Lalín (praza da Igrexa), Vilagarcía (praza de Galicia), Cangas (praza do Concello) e Moaña (praza do Concello).

"QUE NON CAIA NO ESQUECEMENTO"

A semana pasada, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciou publicamente o seu apoio á xornada de folga, unha convocatoria que está aberta ao resto de organizacións que queiran sumarse.

Un dos portavoces da plataforma e tamén secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, advertiu de que o Goberno do PP está "a aproveitar a conxuntura" para implantar a chamada 'Lei Wert' fronte a unha oposición "que incumpre os seus compromisos" e que "non é capaz de impedir" o "atasco" da subcomisión no Congreso para lograr o chamado pacto educativo.

"Non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate sobre a súa implantación", advertiu, todo iso mentres o goberno de Mariano Rajoy continúa "coa mesma unilateralidade e autoritarismo" que caracterizou todo o proceso de tramitación da norma.

Desde 'Erguer', Iria Figueroa advertiu de que a lei está "esquecida no debate público" pero que non é "inofensiva", dado que se mantén "o problema de fondo: de modelo e de proxecto".

"É por isto que é necesario plantarlle cara e esixir de novo a súa derrogación, para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio", sinalou.

OS TRABALLOS DO PACTO

A 'subcomisión para o Pacto Social e Político pola Educación do Congreso dos Deputados' renovou a súa actividade o pasado martes con reunións a porta pechada, nas que os grupos parlamentarios iniciaron as negociacións para a elaboración de documento de mínimos que se remitirá ao Goberno e será a base para unha nova lei educativa.

Despois de once meses, nos que pasaron máis de 80 expertos e representantes de organizacións da comunidade educativa, o último en comparecer foi o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, o pasado 25 de outubro, onde defendeu non facer "táboa rasa e construír un sistema partindo de cero. Hai que preservar o que funciona", subliñou.

Entre as principais discrepancias dos grupos atópanse o sistema de concertos educativos, especialmente de centros que separan aos alumnos por sexo, a materia de Relixión, avaliable e dentro do horario lectivo, ou o castelán como lingua vehicular no ensino en todas as comunidades autónomas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS