Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Estimación do Ministerio de Educación

Os alumnos galegos pasan case 19 anos no sistema educativo

Un informe sitúa a Galicia lixeiramente por encima da media estatal nas cifras de participación en materia formativa

MADRID/SANTIAGO. EP  | 08.08.2019 
A- A+

Os alumnos galegos pasan preto de 19 anos no sistema educativo e en contacto coa formación. En concreto, un informe sitúa a participación dos mozos nuns 18,8 anos, o que sitúa a Galicia lixeiramente por encima da media do Estado neste indicador e como a sexta comunidade autónoma que permite maior posibilidades de permanencia nesta materia.

Estas cifras están extraídas do documento 'Sistema estatal de indicadores da educación 2019', publicado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Entre outros datos, o informe calcula a 'esperanza de vida en educación' dos mozos, é dicir, unha estimación de tempo que a poboación pasará no sistema de ensino.

Para iso, realízase unha comparativa entre o curso 2011-2012 e o período 2016-2017. No caso galego, a esperanza de permanencia pasou de 18,1 a 18,8, respectivamente, mentres a media estatal era de 18,7 anos, logrando así uns 0,7 puntos de mellora en relación ao pasado exercicio analizado (cinco anos antes).

As comunidades autónomas cos valores máis altos son A Rioxa (23,3 anos), Comunidade de Madrid (20,3 anos), País Vasco (19,8 anos) e Castela e León (19,7 anos).

A pesar diso, todas elas rexistraron un aumento desde o curso 2011-12, sobre todo na Rioxa (4,6 anos máis), que se atribúe ao peso da oferta universitaria non presencial con sede nesta rexión.

As mulleres teñen unha maior esperanza de permanecer no sistema educativo e formativo que os homes, segundo este estudo, cunha media de vida escolar de 19,1 anos, fronte aos 18,3 anos dos homes. A diferenza entre sexos no curso 2016-17 mantense igual que no curso 2011-12: 0,8 anos.

PANORAMA INTERNACIONAL
Na comparación internacional considérase o número de anos esperados en educación desde os 5 aos 39. No curso 2016-17, os países con maiores cifras neste indicador foron Finlandia e Suecia (20 anos), seguidos por Países Baixos, Bélxica, Grecia e Dinamarca (19 anos). A continuación sitúase España con 18 anos xunto con outro seis nacións, entre os que está Alemaña.

Con 17 anos aparecen catro países, entre eles, Francia e Italia, e con 16 anos aparecen catro. Os valores menores aparecen en Luxemburgo, Malta (15 anos) e Romanía (13 anos).

O número de anos esperados está influído en gran parte polo nivel de escolarización alcanzado nas idades postobligatorias. Así, considerada a taxa neta de escolarización entre 15 e 24 anos, destaca Eslovenia con 75,9%, seguida por Países Baixos (73,2%) e Bélxica (71,4%). Outro sete países superan o 67%, entre os que aparecen Finlandia (67,7%) e España (67,8%). Por baixo do 60% sitúanse nove países, entre eles Reino Unido (56,4%).

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS