Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 23.10.2014  | Actualizado 09.50

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Amaiur e as formas

JOAQUIM VENTURA  | 23.12.2011 
A- A+

Unha das incógnitas do pasado debate de investidura de Mariano Rajoy era a intervención do portavoz de Amaiur, cuxos deputados –polo de agora- están subsumidos no grupo mixto tras a negativa da Mesa do Congreso de flexibilizar a interpretación do reglamento da cámara. E se alguén esperaba unha intervención propia dun aitzkolari, estaba ben errado. Iñaki Antigüedad, histórico dirixente e parlamentario nos tempos de HB e amais catedrático de Xeoloxía na UPV, xa en 2008 rexeitou abertamento o asasinato do empresario Inaxio Uría a mans de ETA.

A resposta do candidato á presidencia do goberno era previsible malia o ton moderado do portavoz de Amaiur se ben falaba de “conflicto vasco” cando se refería á necesaria solución do fin da violencia promovida pola banda terrorista e as súas consecuencias. Conflicto hai pero non vasco, as cousas como son. Con todo, Rajoy foi vítima do subconsciente, como lle sucedeu a Aznar cando falou do “movemento vasco de liberación” para referirse a ETA (coa cal negociou, non o esquezamos).

Na súa resposta parlamentaria, o candidato á investidura sostivo que nin el nin os españois non lle deben nada á esquerda abertzale. Os españois? Por contraposición a quen? Ou acaso os militantes e votantes de Amaiur –malgré ils- non son españois polo de agora? Podería ter dito os demócratas (se considera que os de Amaiur aínda non teñen pedigrí dabondo) ou os cidadáns (ambigüidade calculada) pero non: dixo os españois e daquela non sei se nese calificativo están o PNV ou os vasquistas do PSE-PSOE.

Pero sexa benvido o recurso que Amaiur pensa presentar ao Tribunal Constitucional para poder formar grupo. Malia que o seu voto abstencionista fose presentado como non interesado no futuro do goberno español –que eles consideran estranxeiro-, apelar á decisión do tribunal que interpreta a aplicación do máximo texto lexislativo supón, de facto, aceptar a validez da Carta Magna como instrumento para o goberno do Estado democrático.

De calquera xeito, eu aconsellaría prudencia a Amaiur. A lei é a que é e mentres haxa quen estea en situación de vulnerala, non admite interpretacións laxas. E ETA –é dicir as persoas que a compoñen- aínda non deron algúns pasos necesarios, como a disolución da banda (podería desaparecer o delito de pertenza a banda armada) e a solicitude de perdón polos actos cometidos (á marxe de poder pedir o mesmo cando o Estado vulnerou a lei).

E amais de prudencia, calma, sosego. Se a cúpula de ETA tardou meses entre decidir o cese da violencia e darlle publicidade, agora non ten que ser o Estado quen ande con urxencias. E menos se aínda hai etarras en activo en liberdade. E formas. Amaiur pode dicir o que considere pero con formas, como comezou a facer na visita ao rei e que han de seguir decote en terras vascas e navarras. E entre esas formas, e por riba de todo, abandonar para sempre o papel de matóns de vilas e barrios, de perdoavidas permanentes e aceptar a lexitimidade dos adversarios políticos en democracia.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS