Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 24.05.2019 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Amancio Ortega recibirá este ano 1.626,2 millóns en dividendos de Inditex

A CORUÑA. EP  | 14.03.2019 
A- A+

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 1.626,2 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por encima dos 1.386 millóns que percibiu por este concepto o ano pasado.

Nos 1.626,2 millóns de euros que ingresará Ortega este ano inclúese, ademais do dividendo ordinario, o dividendo extraordinario dun euro por acción a repartir en tres anos que a firma téxtil proporá á xunta de accionistas.

En concreto, o consello de administración exporá á xunta, que se celebrará en xullo, unha nova política de dividendos. O dividendo ordinario suporá un 'pay out' do 60% do beneficio -fronte ao 50% actual-, e ademais distribuirase, como dividendo extraordinario, un total dun euro por acción a percibir entre os anos 2019, 2020 e 2021.

O primeiro efecto desta política é un incremento do dividendo do 17% neste ano, que supón repartir 0,88 euros por acción, 0,66 euros como dividendo ordinario e 0,22 euros, extraordinario. Un primeiro pago de 0,44 euros realizaríase o 2 de maio de 2019 e o segundo pago pola mesma cantidade o 4 de novembro de 2019.

Amancio Ortega é o primeiro accionista do xigante téxtil, cunha participación do 59,294%, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións.

En 2018, a compañía pagou aos accionistas en concepto de diviendo un total de 2.335 millóns de euros.

32 MILLÓNS PARA EMPREGADOS
Así mesmo, en liña cos plans da compañía de participación dos empregados no crecemento dos beneficios, a compañía repartirá 32 millóns de euros entre os aproximadamente 92.000 empregados que teñen máis de dous anos de antigüidade, dentro do segundo ciclo do Plan 2017-2018, que reparte un 10% do incremento do beneficio.

En concreto, sete millóns de euros corresponden ao crecemento do beneficio no presente exercicio e 25 millóns corresponden a unha achega adicional decidida pola empresa para completar o Plan, por encima dos 21 millóns achegados o ano anterior.

En total distribuíronse 153 millóns de euros entre os anos de vixencia do Plan de Participación. A partir de 2019 entrará en vigor un novo Plan con obxectivos específicos que, no caso dos equipos de tenda, estará ligado ao incremento de vendas.

A compañía destacou que o Plan supón un incentivo máis a engadir ás retribucións variables existentes, que globalmente suman 619 millóns de euros que a compañía reparte entre os empregados que integran o cadro. En total, a compañía distribúe 4.136 millóns de euros en concepto de remuneración salarial.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS