Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 15.02.2019 Actualizado 19:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Ana Miranda acusa ao exministro Blanco de "covardía política"

Presentará unha queixa polo seu "insulto"

SANTIAGO. EP  | 12.02.2019 
A- A+

A eurodeputada do BNG Ana Miranda acusou ao exministro de Fomento José Blanco de "covardía política" ao "escudarse" nos responsables técnicos en relación coa falta dunha avaliación independente na liña na que se produciu o accidente do Alvia en Angrois, en concreto no tramo no que descarrilou o tren, onde aparece a primeira curva despois dun traxecto rectilíneo.

Ademais, en declaracións a Europa Press, avanzou que vai presentar unha queixa no Parlamento Europeo polo "insulto" que lle dedicou na comisión de investigación sobre o sinistro, onde Blanco atribuíu a Miranda "interpretacións torticeras" dos feitos.

"É lamentable que despois da apertura do procedemento de infracción contra o estado por parte da Comisión Europea, Blanco non asuma as súas responsabilidades", subliña Miranda a través dun comunicado de prensa.

A nacionalista, que este luns participou na concentración convocada polas vítimas do sinistro ás portas do Congreso, pregúntase se a "interpretación torticera" que lle atribuíu o socialista na súa comparecencia "refírese á decisión da Comisión Europea".

"Parece que o exministro do PSOE non se decatou de que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España e ten que insultar a unha eurodeputada que loitou por que se saiba a verdade do accidente", aseverou.

Neste escenario, Miranda esixiu tanto a Blanco como á exministra co PP Ana Pastor que "asuman as súas responsabilidades políticas" pola traxedia, que en xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos na curva da Grandeira.

Abunda, en concreto, en que "como é posible que o máximo responsable de Fomento negue ser precisamente o responsable das decisións tomadas desde o ministerio".

DENUNCIA
En xullo de 2017, a eurodeputada do Bloque denunciou ao estado español por infracción da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, en canto á avaliación de riscos da liña pola que circulaba o tren Alvia.

A semana pasada recibiu unha comunicación da directora xeral de mobilidade na que precisa que o recente expediente responde precisamente a estas "deficiencias". O mércores, está previsto que Miranda se reúna coa comisaria.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS