Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Ana Miranda, do BNG, promete o cargo de eurodeputada por imperativo legal

Ocupa o escano rotatorio que até agora ostentaba Junqueras, de ERC

MADRID/SANTIAGO. EP  | 21.12.2011 
A- A+

A nova eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, prometeu este mércores o seu novo cargo ante a Xunta Electoral Central (JEC), que ten a súa sede no Congreso. Miranda realizou este trámite en castelán e en galego, usando a fórmula "por imperativo legal", e comprometéndose expresamente a "defender a Galicia no Parlamento Europeo". Tamén adiantou o seu compromiso de viaxar en clase turista.

A representante do BNG na Eurocámara substitúe a Oriol Junqueras, de ERC, cumprindo así o acordo que selaron os partidos integrantes da coalición Europa dos Pobos-Verdes, de rotar no escano que lograron nas eleccións europeas de 2009.

Junqueras ocupou o seu posto na Eurocámara desde eses comicios e agora farao Miranda durante 16 meses, até maio de 2013. O número tres da lista, ao que corresponde acceder ao escano tras a nacionalista galega foi Iñaki Irazabalbeitia, de Aralar, formación actualmente integrada en Amaiur.

Miranda poderá facer uso das dependencias do Parlamento Europeo a partir do 1 de xaneiro, pero non perfeccionará a súa condición de eurodeputada até o día 16 dese mes, nunha sesión plenaria que terá lugar na sede de Estrasburgo.

Como o seu antecesor, integrarase no grupo da Verdes-Alianza Libre europea e formará parte das comisións de Agricultura, Pesca e Política Rexional, na que se debate o futuro dos fondos estruturais.

DEFENSA DOS INTERESES GALEGOS

A nova eurodeputada coa que os nacionalistas galegos volven estar representados en Europa, garantiu que accede ao cargo para defender "con ilusión e responsabilidade" a agricultura e os sectores pesqueiro e naval, moi afectados pola crise económica.

"Defenderemos os intereses desa Galicia produtiva na Eurocámara e farémolo directamente, sen pontes", comentou, á vez que asegurou que "a volta do BNG ao escano" no Parlamento Europeo é unha garantía de que "a sociedade e os sectores produtivos galegos van ser defendidos desde o primeiro día".

Aínda que se centrará na defensa dos temas galegos, Miranda tamén debaterá iniciativas expostas polos seus compañeiros de coalición. De feito, destacou que durante o tempo que Junqueras ocupou o escano, o BNG tramitou un total de 212 iniciativas na Eurocámara, superando incluso as 184 que, segundo dixo, presentaron os eurodeputados españois do PP.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS