Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 24.08.2019 Actualizado 13:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Andalucía primeiro na carreira electoral

XOSÉ A. GACIÑO  | 20.11.2018 
A- A+

Como no 2015, Andalucía volve abrir o desfile de convocatorias electorais que nos esperan na primavera próxima, en principio as municipais, a maioría de autonómicas e as europeas, pero sen descartar que, en calquera momento, se convoquen tamén as eleccións xerais. E, como no 2015, adiantar eleccións para marcar o seu territorio (Andalucía primeiro) pode volver colocar a Susana Díaz nunha situación dependente do xogo de intereses electorais dos demais partidos no conxunto de España. Non se sabe se tamén dos intereses xerais do seu propio partido, aínda que, de momento,  a dirección federal lle deixou mans libres na composición das listas (nas que non figura ningún candidato sanchista, pese a que os sanchistas constitúen un terzo da militancia andaluza, segundo os resultados das primarias) e a presencia de Pedro Sánchez vai ser mínima nunha campaña socialista predominantemente pintada de branco e  verde, as cores da bandeira andaluza.

Hai tres anos, costoulle oitenta días acadar un pacto de investidura ante as resistencias das novas forzas emerxentes a chegar a acordos que puidesen contaminar a súa pureza de rexeneración democrática, sobre todo de cara ás posteriores eleccións xerais. Conseguiuno finalmente con Ciudadanos, previa renuncia aos seus postos parlamentarios dos imputados aforados no caso dos Eres, entre eles os ex presidentes autonómicos Chaves e Griñán. Daquela, ao partido de Albert Rivera aínda lle quedaba algunha pincelada de liberalismo progresista para presumir de centro. Actualmente, dispútase o liderado da dereita co Partido Popular e, segundo os primeiros cruces de ofrecementos mutuos nesta campaña, estaría máis cerca de intentar sumar unha maioría de dereita -un verdadeiro acontecemento político, se o conseguen- que de volver repetir experiencia co PSOE.

Tampouco teñen os socialistas mellores perspectivas de alianza pola esquerda, despois dunha lexislatura en continuo desencontro con Podemos e Esquerda Unida, que concorren agora xuntos na coalición Adelante Andalucía. Neste caso, ademais, as diferencias que mantén a dirección andaluza de Podemos, da corrente anticapitalista, coa súa dirección central xogarían en contra das posibilidades de acordo. En principio, ningunha das dúas partes parece estar disposta a copiar en Andalucía o clima de entendemento aberto en España entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Un posíbel acordo de esquerda seguramente tería para o PSOE un prezo elevado, politicamente falando (mesmo a renuncia da propia Susana Díaz, se deciden copiar a xogada da CUP en Cataluña para cargarse a Artur Mas). O prezo sería moito máis baixo se bastase cunha abstención, no caso de que a dereita non sumase máis escanos que os socialistas. Chegar a un bloqueo total, que obrigase a convocar novas eleccións, tería un certo sentido sarcástico, se esa segunda convocatoria coincidise coa superxornada electoral de maio, na que, segundo as últimas insinuacións, poderían celebrarse municipais, autonómicas, europeas... e xerais. Se coa convocatoria diferenciada a campaña vese invadida polas cuestións de Estado, as referencias a Andalucía desaparecerían por completo nunha campaña compartida co gran debate a cara de can para disputarse La Moncloa.

Para ese gran debate -máis ben un intercambio de descualificacións, á vista do que sucede nas sesións parlamentarias-, os resultados do 2 de decembro en Andalucía, aparte das previsíbeis tribulacións dos socialistas para manterse no goberno andaluz, poden contribuír a perfilar o novo liderado na dereita española, sobre todo se Ciudadanos consegue superar en votos e escanos ao Partido Popular.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS