Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

alcalde de Oleiros

Ángel García Seoane: "Difámanme, a ver se Gelo se amarga e se vai. Pero vou seguir"

Líder de Alternativa dos Veciños, un partido independente, dise unha persoa "inqueda" e un namorado da música. Afirma que todos os ataques que recibe son por opoñerse "ós que queren mangonear" o concello

A. LOSADA . SANTIAGO   | 01.10.2006 
A- A+

GH
Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros
FOTO: GH

Naceu en 1952, en Perillo, Oleiros, (A Coruña). Dende 1985 é alcalde deste municipio, cun parón de seis anos por mor dunha inhabilitación xudicial. É pro-castrista, republicano e deu moito que falar hai uns anos, o empapelar a vila con pancartas contra a política de Sharon en Palestina. Acaba de romper o pacto de goberno co BNG, tras ser acusado de enriquecerse coa urbanización dunhas parcelas.

 

A política, ¿vénlle do berce?

Eu fun unha persoa inqueda dende neno, sempre andei metido en moitas liortas. Por exemplo, para pagarme os estudos de Música, na Coruña, tiven que meterme a traballar na Seat. No 68, cando tiña 17 anos, organicei, cun grupo de persoas, unha das primeiras folgas da fábrica. Nos 70, contribuín a crear o Sindicato Galego da Música.

 

¿E a militancia?

Tamen houbo, a finais do 75, afilieime ó partido comunista. No 76 creei a asociación de veciños de Oleiros e, rematamos por presentarnos no 79 ás primeiras eleccións democráticas. Aí deixei o PC, para que non houbese inxerencias.

 

Sendo tan activo, ¿non tivo desgustos cos "grises"?

Algún, si. Unha vez, tras moito denunciando infraccións urbanísticas en Oleiros, sen que nos fixeran caso, envieille ó Gobernador Civil da Coruña unha carta en papel de lixa, dicíndolle: "Espero que su señoría no lleve el presente escrito al mismo curso que los anteriores". Por iso pasei unhas horas no calabozo da Polícia, na Coruña. Represión tiven abondo... e sigo téndoa.

¿Refírese ás críticas que lle fan polo seu patrimonio?

Si, a esa xente que me está vilipendiando. O que lles pasa é que imos aprobar un plan urbanístico que reducirá o terreo edificable. Por iso están facendo ruído os especuladores, a oposición e toda a xente que quere mangonear o concello.

 

Pero terreos ten, ¿non?

Si, pero merqueinos honradamente coa miña muller, e están rexistrados e pagados a Facenda. Non teño diñeiro negro, nin empresas ficticias por aí adiante. O que teño son unhas terras que comprei no 81, e, claro, ó urbanizalas saquei unha plusvalía. Parece mentira que, coa de delincuentes que hai en toda Galicia, me veñan atacar a min. O tema cal é, pois a ver se Gelo se amarga, marcha e así repartimos a torta da Alternativa dos Veciños. Pero a Alternativa está moi forte e non é só Gelo.

 

¿Que opina de que o BNG pedise a súa dimisión?

O señor Antón Tenreiro (líder local do BNG) cumpriu o seu compromiso no concello. Pero na dirección do Bloque nunca lles gustou que o pacto funcionase tan ben. Non se poden tolerar cousas como que Carlos Aymerich veña dicir que me enriquezo ilicitamente. Un descarado coma ese, un vividor político, non pode xulgarme a min.

 

De momento, rematará a lexislatura...

Claro, a lexislatura acabareina porque, por lei, estes non poden presentar unha moción de censura a menos dun ano das eleccións, que se non, mañá mesmo o facían. Pero eu penso volver ser candidato.

 

¿Bota de menos a música?

Cando traballei como músico foi a parte máis feliz da miña vida. Eu de pequeno xa andaba tocando as latas de aceite que vía tiradas polo chan, sempre tiven ilusión por ser músico, e conseguino. Botei 20 anos tocando nunha orquesta, ata o 88, que o tiven que deixar pola alcaldía.

Pero é alcalde dende o 85...

Si, pero funo compaxinando. Traballaba na música e no concello, pero chegou un momento co que a evolución de Oleiros demandaba estar nun sitio ou noutro. Pero a música é unha parte inseparable da miña vida, e aínda agora toco moitas veces, en festas íntimas.

 

¿Atreveríase a un dueto con Xosé Luis Baltar?

Non, porque tocamos instrumentos moi dispares.

 

Tivo unha inhabilitación para cargos públicos en 1996...

Foi unha sentenza moi triste, e difámaseme moito con ela. Din que foi prevaricación, pero non se explica.

 

¿Cal é sua versión?

Na praia de Santa Cristina había unha caseta, concesión do Estado para un parque de mariscos, pero o tío usábaa como caseta de verán, para bañarse. Inda por riba, cercou un anaco de praia pública, para el só , así que, coa autorización de Costas, mandamos unha máquina para quitar dalí as rochas, e o fulano non a deixaba traballar, así que eu fun alí, como alcalde, acompañando a Policía local. E por iso, tiven seis anos de inhabilitación. É alarmante que sucedan estas cousas cando se está a defender o territorio nacional.

 

¿É certo que a CIA o vixía?

Home, eu sóubeno polo xornal que publicou que me tiñan fichado. Daquela eu andaba para facer un partido, con xente como Xosé Luis Barreiro Rivas. Un día estabamos reunidos no hotel Porta do Camiño e entrou Fraga, varios conselleiros, e o embaixador de Estados Unidos. Coincidimos todos na entrada, e debeu de haber algún comentario, porque ós dous días, a miña ficha na CIA saíu a media páxina.

 

¿Non viu espías?

Da CIA non, pero tivemos un do Cesid, moito tempo. Descubrímolo porque deixou o coche a reparar no taller e víronlle os papeis dentro. Dende aquela, non volveu.

 

¿Que fixo para atraer tanta atención?

Pois busquei xente que investise en Cuba tras a caída do muro de Berlín, aló polos 90. Estiven no Salvador, como observador internacional das eleccións, fun a Libia, cando o bloqueo comercial de 1992, para denuncialo. Tamén acompañei a Rigoberta Menchú na campaña para que lle deran o premio Nóbel, por toda Latinoamérica.

 

Defina o concello de Oleiros...

É un exemplo para copiar por todos, e non o digo eu, dino moitas voces. O concello agora está virxe, e deus me libre de que o collan algúns especuladores. Non se construíu un só edificio na costa de Oleiros en todos estes anos, e declaramos 660 hectáreas do municipio como parque natural, en plena área metropolitana da Coruña. Houbo un traballo moi grande que deu lugar a un municipio distinto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS