Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 15.02.2019 Actualizado 19:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Aniversario manchado de sangue

XOSÉ A. GACIÑO  | 19.05.2018 
A- A+

Douscentos anos do nacemento de Karl Marx a quen tanto se amou e tanto se odiou e que agora parece espertar máis indiferenza que polémicas, cen anos do remate da Primeira Guerra Mundial que rebentara o internacionalismo proletario, e cincuenta anos do 1968, que foi bastante máis que o Maio francés (para ben e para mal). Aniversarios do máis redondo que se nos acumulan nestes meses e que nos serven para repasar personaxes e feitos históricos que nos importan (ou nos importaron) e que forman parte do mosaico de referencias coas que, desde o comezo dos tempos, se van configurando principios, valores, identidades, xustificacións, mitos... E sobre os que cada pouco, a medida que as circunstancias van evolucionando, se fan novas lecturas (e novas escrituras) como para acomodar os relatos aos intereses de cada momento.

Non sei cantas relecturas e reescrituras haberá que facer do conflito palestino para que algunha vez o relato se acomode aos intereses dos palestinos. Setenta anos despois da creación do estado de Israel (outro aniversario redondo), a conmemoración segue a estar manchada de sangue. Nun enfrontamento que sempre foi desigual, sempre con moitísimas máis vítimas palestinas que israelís (reflexo da correlación de forzas entre quen apoian a uns e a outros), cada vez quedan menos esperanzas de que o conflito teña unha saída minimamente razoábel e equilibrada.

Despois de tantas accións de guerra e de terrorismo (por unha parte e por outra) e de tantos intentos de negociación frustrados ou boicoteados polos extremistas dun bando ou do outro (ou dos dous), os palestinos intentan negociar algún día o recoñecemento da súa plena soberanía sobre un territorio que, como moito, será máis pequeno que o que lle ofrecía Nacións Unidas no 1948 para crear o estado palestino e que rexeitaron por non estar de acordo co reparto dunhas terras que consideraban só súas na súa integridade. Os israelís tampouco estaban de acordo co reparto, pero aceptaron proclamar o seu estado e aproveitaron o rexeitamento palestino para apropiarse de máis territorio do que lle marcara a ONU (o primeiro dos seus sistemáticos incumprimentos de resolucións do organismo internacional).

Marx está xa situado entre os clásicos do pensamento contemporáneo, case a un nivel máis académico que político. Da primeira guerra mundial queda o recordo das espantosas matanzas provocadas pola frívola improvisación dos políticos e pola incompetencia dos mandos militares. En canto ao 1968, queda a nostálxica evocación da eclosión libertaria do maio francés, xunto á rabia por diversas represións brutais (os tanques contra a Primavera de Praga que se adiantara vinte anos á perestroika soviética, os estudantes metrallados en México, os asasinatos de Robert Kennedy e Martin Luther King, e a putrefacta guerra de Vietnam ao fondo), represións que parecían marcar o principio do final do que Thomas Piketty chama “as décadas optimistas posteriores á segunda guerra mundial”.

Nese final do optimismo estivo sempre o conflito palestino, nesa zona permanentemente inestábel de Oriente Próximo, onde os primeiros en enfrontarse son os propios dirixentes árabes e musulmáns, máis preocupados cada un por controlar o poder e exercer a hexemonía que por cooperar para modernizar as súas sociedades, todo elo ante a mirada interesada das potencias occidentais, con Israel como cuña, e de Rusia (agora tamén China) sempre dispostas a pescar en ríos revoltos.

O de Palestina non é un aniversario máis ou menos cerrado para incorporar á historia académica. É só un punto e seguido, á espera de que se desangren definitivamente as vítimas propiciatorias, executadas polo poder ocupante, pero conducidas moitas veces ao matadoiro por estratexias literalmente suicidas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS