Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os anos decisivos de Chagall

O seu estilo forxouse a partir da súa chegada a París en 1911

JOAQUIM VENTURA  | 10.07.2018 
A- A+

O Museo Guggenheim de Bilbao ofrece este verán dúas exposicións. Unha delas é Chagall. Los años decisivos, 1911-1919 (aberta ata o 2 de setembro). Hai seis anos xa houbo ocasión de ver unha antolóxica súa en Madrid (cunha especial atención á súa derradeira etapa nos Estados Unidos). Agora, esta exposición de Bilbao céntrase nos anos que seguiron á súa chegada a París en 1911. Son máis de oitenta pezas, entre pinturas e debuxos, procedentes na súa maioría de museos e coleccións de Europa occidental e Estados Unidos (a excepción son algunhas pezas de museos rusos).

Nacido en 1887 na cidade bielorrusa de Vitebsk (daquela imperio tsarista) no seo dunha familia xudía hasídica, Chagall medrou nunha situación de tripla marxinación. A primeira, vivir nunha pequena cidade de provincias; a segunda, ser neno xudeu, sen acceso previsto ao sistema escolar público; a terceira, a condición da súa familia, seguidora dos preceptos do hasidismo, seta nacida no século XVIII en Ucraína e Bielorrusia: influencia da cábala, vida tradicional en comunidades cerradas, observancia rigorosa dos preceptos de la lei xudía e obediencia das instrucións dadas polo admor ou líder espiritual. E fronte ao xudaísmo moderno, preferencia polo yidish fronte ao neohebreo.

Marc Chagall conseguiu rachar dous destes círculos de marxinación cando entrou a estudar nunha escola do sistema ruso na súa cidade, onde tamén estudiara arte; o terceiro quedou superado cando se trasladou a San Petersburgo, cidade na que os xudeus necesitaban un permiso especial para instalarse. Superadas estas tres adversidades, viaxar ao estranxeiro xa non supuña ningún obstáculo e así trasladouse a París en 1911 grazas á axuda de M. Vinaver, avogado xudeu que exercía de mecenas.

Na capital francesa traballa nunha síntese entre a tradición aprendida no seu entorno familiar e os descubrimentos que fixo na moderna sociedade francesa. Alí coincidiu con Picasso, os Delaunay, Cendrars e mais Apollinaire. Son destes anos A habitación amarela (1911), Eu e a miña aldea (1811), O vendedor de gando (1912) e Homenaxe a Apollinaire (1913).

En 1914 regresou a Vitebsk para reencontrarse coa súa prometida e asistir á voda da irmá del. Parou en Berlín, onde fixo a súa primeira gran exposición individual na galería Der Sturm. Chegado á súa cidade natal, o comezo da guerra mundial e logo a revolución de 1917 motivaron que aquela presencia, prevista como temporal, se convertese nunha estancia de oito anos.

É nesta etapa cando Chagall, obrigado a un novo encerro –pero esta vez xa solo con el mesmo-, retoma as influencias vangardistas aprendidas en París e as aplica de maneira informal ao seu propio estilo. Un mundo persoal formado pola fusión de herdanza e de aprendizaxe e –por suposto- sen ningún sometemento a calquera corrente. Un estilo que poderiamos definir –en descrición sinxela- de aparente onirismo naïf.

En Vitebsk pinta o que ve: o inmediato (O xudeu en negro e branco, 1914; Os amorodos, 1916) e o chegado de lonxe, como o eco da contenda (A partida cara á guerra, 1914). Son anos –estes da guerra mundial- de contradicións para o futuro dos xudeus. Acusados polo tsarismo de colaboracionistas –en tanto que os xudeus non eran nacionalistas-, a declaración máis ou menos interesada de Balfour (ministro británico de exteriores) dáballes esperanzas para un futuro fogar nacional en Palestina.

A iso sumouse que a revolución soviética parecía anunciar un futuro de igualdade para os rusos, incluídos os xudeus. Chagall acepta o cargo de Comisario das Artes de Vitebsk e en calidade de tal, consigue que visiten a súa cidade destacados artistas de vangarda como Malévich e El Lissitzky. Pero ao primeiro appel à l’ordre (o revolucionario), decatouse que discrepaba dos conceptos que a revolución impuña e rompeu con ela: coa súa familia, marchou en 1920 a Moscova e en 1923 a París, definitivamente.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS