Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 28.06.2017 Actualizado 20:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Anova abre un período sen Beiras á fronte nunha asemblea sen grandes debates pero embazada por unha liorta

O veterano político da por pechado o seu epílogo, pero queda por saber se xogará algún papel dentro de En Marea // Está previsto que Antón Sánchez, que encabezou a única lista presentada para a renovación dos órganos de dirección, sexa elixido portavoz nacional na primeira reunión da Coordinadora Nacional

PONTEVEDRA. EP  | 19.03.2017 
A- A+

Anova-Irmandade Nacionalista abriu este sábado un novo período no que xa non estará á fronte o veterano político Xosé Manuel Beiras, cofundador da organización tras escindirse do BNG. A asemblea transcorreu sen grandes debates, pero quedou embazada por unha liorta entre exmilitantes da FPG do Morrazo e mozos de Xeira, organización xuvenil vinculada a esta formación independentista.

Dous anos por diante sen eleccións é o tempo do que dispón a nova dirección de Anova para cumprir un dos seus obxectivos: "consolidar" a unidade popular, como defenderon algúns dos candidatos e membros de coordinadora saínte.

De feito, Antón Sánchez, que encabezou a única lista presentada para a renovación dos órganos de dirección e que está previsto que sexa elixido portavoz nacional na primeira reunión da Coordinadora Nacional --o 1 de abril--, defendeu este sábado que aspira a potenciar a unidade popular, unha cuestión que xa remarcou como "irrenunciable" para Anova e a súa contorna.

Tamén Raúl Asegurado, membro da candidatura e da coordinadora saínte, comprometeuse a unha "relectura" dos grupos de traballo en Anova para fomentar o traballo de base, unha das críticas que se puido escoitar no debate da mañá deste sábado.

SEN GRANDES DEBATES

A asemblea tivo lugar sen grandes debates durante toda a xornada, coa aprobación do regulamento, o documento organizativo --que reduce a estrutura de Anova e diminúe o seu máximo órgano de decisión entre asembleas de 75 a 50 integrantes--, o informe de xestión, e o regulamento da asemblea, que defendeu o propio Antón Sánchez.

De feito, o plenario transcorreu por diante dos tempos previstos ata primeira hora da tarde e mesmo chegaron a decaer as dúas emendas máis críticas coa estratexia política, a presentada pola asemblea do Morrazo e a de Ourense. No primeiro caso, que se presentada como un texto alternativo a todo o documento político por parte de militantes do Morrazo, ninguén acudiu a defendela; pero no segundo si se retomou por petición dos enmendantes.

Foi un dos momentos de maior intensidade. Alfonso Diz --militante de Ourense da contorna do deputado de En Marea e exalcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez-- encargouse de explicar por que se pedía a supresión duns dos parágrafos do documento político. Concretamente, reclamaban eliminar do documento político que a "polarización do espazo (de En Marea) entre identidades militantes, expresadas nunha falsa contradición entre nacionalistas e non nacionalistas, suporía unha renuncia a todo o traballo realizado", recolle o documento aprobado na asemblea.

Este grupo crítico tamén pretendía suprimir unha referencia a "dar pasos atrás" no traballo realizado pola dirección de Anova estes anos e unha mención aos perigos de caer no "resistencialismo". A idea era, pois, cuestionar a forma na que se construíu a unidade popular ao redor de En Marea.

"O espazo de unidade popular non se debate", proclamou na asemblea Alfonso Diz --defensor da emenda que pedía a supresión desas afirmacións--. Así, este representante dunha quincena de militantes indicou que o que se cuestiona é a forma na que está "representada" Anova nesa unidade popular, que tomou forma no partido En Marea, con 14 deputados no Parlamento de Galicia.

INTERVENCIÓN DE BEIRAS E RIFA

Cando xa se procedeu á votación da emenda, o aínda portavoz nacional preguntou se podía intervir para expresar unha opinión á marxe do debate concreto dos textos. Fíxoo para reivindicar que en 2012, cando naceu Anova, iniciouse unha aposta pola unidade popular e lanzouse "a proposta de que había que traspasar as fronteiras" do nacionalismo, polo que advertiu, na liña do documento oficial: "Só faltaba que agora se reproducise dentro de En Marea a cuestión do nacionalismo".

De feito, foi durante a súa intervención, na que Beiras reivindicou que ninguén tiña unha traxectoria "de máis nacionalismo" que el, cando un militante de Cangas increpouno desde as bancadas do auditorio. Logo da ovación a Beiras cos asistentes en pé e abrazo incluído co histórico da FPG Xosé Luís Méndez Ferrín, o ambiente crispouse tras enfrontarse mozos de Xeira --organización xuvenil independentista vinculada-- con exmilitantes da FPG (por esas afrontas lanzadas contra Beiras), unha rifa que incluíu patadas e empuxóns.

O FUTURO DE BEIRAS

O III Asemblea Nacional de Anova presentouse como da "renovación" e substitución xeracional, coa saída de Beiras da Portavocía Nacional, aínda que seguirá como referente ideolóxico da organización que está previsto que capitanee Antón Sánchez.

O veterano político da por pechado o seu epílogo, unha etapa que nunca quixo desvelar canto duraría e na que primeiro impulsou o acordo de AGE --con Esquerda Unida, Equo e Ecosocialistas-- coa que volveu ao Parlamento de Galicia en 2012 liderando unha coalición que irrompeu con 9 deputados.

A pesar diso, falta por aclarar que papel xogará dentro de En Marea, onde ademais de Anova e Esquerda Unida desembocaron militantes de Podemos Galicia. Beiras é membro do Consello das Mareas --máximo órgano de decisión entre asembleas do partido instrumental-- e aínda non se decidiu a dirección do partido instrumental nin os papeis que terán cada un dos seus membros, situación que permanece bloqueada polas discrepancias ao redor de quen ocupará a Portavocía.

No seu discurso de despedida da primeira liña de Anova, Beiras fixo un chamamento aos seus para que nesta nova etapa fortalézase a unidade popular a través de En Marea, unha aposta persoal do propio Beiras, quen en contra da opinión de membros da dirección de Anova apoiou en días pasados a Luís Villares para ser portavoz nacional de En Marea.

O veterano político, que fixo gala da súa "traxectoria nacionalista" vital, advertiu aos seus, con todo, que non se esquecesen de que o obxectivo último é a "emancipación social e nacional do pobo galego".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS