Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Antes que Pujol fose Pujol

JOAQUIM VENTURA  | 07.10.2019 
A- A+

Na literatura autobiográfica, hai un concepto central xa establecido polo seu primeiro teórico, Philippe Lejeune: o pacto co lector. Tal acordo establece, implicitamente, que o destinatario dun texto autobiográfico (unhas memorias, un diario escrito para ser publicado) acepta que o autor escribiu é verdade. Non que sexa toda a verdade nin todo verdade pero si a verdade que o autor considerou e/ou lembrou. Obviamente, ninguén ten obriga de escribir da súa vida pero se o fai, ten que gobernarse por tal pacto.

Hai uns anos, Jordi Pujol publicou tres volumes coas súas memorias, co concurso do xornalista Manel Cuyàs. A priori, e malia que non se poida falar de autobiografía cando intervén unha man allea profesional –que orienta o relato, corrixe a sintaxe, etc.-, aceptouse o carácter de memorias deses volumes e, de entrada, lle foi concedida a confianza necesaria.

Sen embargo, cando hai uns anos se descubriu que o ex presidente da Generalitat tiña unha conta en Andorra cunha cantidade importante de diñeiro, a escusa que deu –“era un legado do meu pai”- foi o comezo para que a súa credibilidade comezase a ir a pique. Non era so esa cantidade oculta e ocultada senón que foi desvelar, de maneira definitiva, os negocios escuros dos seus fillos. Un deles, Oriol, que estaba sinalado para suceder ao seu pai, xa paga condena de cárcere.

A desconfianza, xa xeneralizada, afectou a toda a súa traxectoria política, polo menos na presidencia da Generalitat. Pero conforme pasou o tempo, foron aparecendo os escuros vimbios que teceron o queipo que fixo de Jordi Pujol un persoeiro público. Foi daquela que o seu pai, Florenci, o hipotético propietario daquel recuncho monetario gardado en Andorra, foi deixado de ser visto coma un financeiro para saír á superficie a verdade: un aproveitado contrabandista de accións e divisas, ben protexido durante os anos do franquismo.

Agora, dous xornalistas que nunca se acomodaron ao confort do pujolismo ou de calquera outra expresión de poder, Josep Guixà e Manuel Trallero, veñen de publicar Pujol. Todo era mentira (1930-1962) (Almuzara). Estes veteranos xornalistas de investigación resumen a traxectoria de Pujol desde o seu berce ata a súa saída da cadea, convertido nun referente do que o catalanismo sería nos anos vindeiros.

No traballo de Guixà e Trallero non hai, aparentemente, grandes descubrimentos. Moito do que contan xa se sabía pero estes xornalistas tiveron a teimosía de procurar en arquivos da Administración (administrativos, militares, municipais) e de entrevistar a protagonistas ou fillos de protagonistas. E nesa tarefa, contrastan canto hai de verdade nas memorias que Jordi Pujol ditou a Manel Cuyàs. E moito daquel ouro que nelas relucía, resultou ser chumbo.

Desde a verdade sobre as orixes dos Pujol, emigrados (por débedas de xogo) desde a comarca do Empordà á do Maresme (concretamente a Premià de Mar, a vila onde resido desde hai case vinte anos) a comezos do século XX. Ou a figura do socio de Florenci Pujol, Moisés David Tennenbaum, en diversos negocios que cabería cualificar de dubidosos. Ou desde a educación filonazi recibida no Colexio Alemán ata 1944 ao flirteo de Pujol co Opus Dei nos anos cincuenta. Non hai afirmación que non teña o correspondente apoio documental.

Pero onde os autores meten o coitelo sen piedade é a hora de resituar as verdadeiras dimensións dos mitos que fixeron de Pujol un persoeiro referencial para o catalanismo: a descuberta do país nunha excursión á montaña do Tagamanent (no Montseny), os chamados “feitos do Palau” –que o levaron á cadea- e o incidente de quen daquela dirixía La Vanguardia, Luís de Galinsoga, na parroquia de San Ildefonso.

Con mans de cirurxiáns, Guixà e Trallero desmontan tales mitos e o relato recorrente dun catalanismo elitista e burgués que procuraba un lugar ao sol no futuro. Unha procura que, case sempre, esquecía a loita antifranquista de obreiros e profesionais, sen rede familiar que procurase influencias ou asegurase o pago de fianzas e multas. Unha procura que, no caso dos Pujol Soley, era tamén tentar un acomodo social fronte a aquela gran burguesía catalá –franquista convencida as máis das veces- que os consideraba uns arribistas, uns parvenus.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS